Galicia

Nove prazas en proxectos de investigación no Ramón Piñeiro

libros

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca nove novas bolsas de formación en proxectos de investigación no centro Ramón Piñeiro para avanzar no coñecemento, normalización e promoción do galego, así como o fomento do seu uso en todos os eidos profesionais, académicos e sociais.

Estas bolsas van dirixidas a titulados universitarios en Filoloxía ou na área de Humanidades, con diferentes requirimentos en función de cada un dos proxectos. Os proxectos incluídos nesta convocatoria son os de ‘Bibliografía da literatura galega’, ‘Fraseoloxía Galega’, ‘Corpus de referencia do galego actual’, ‘Cantigas de Santa María’, ‘Prosa literaria medieval’, ‘Terminoloxía Científico-Técnica’, ‘Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala’, ‘Base de datos do ALIR’ e o proxecto ‘Dicionarios de literatura’.

Para a selección dos bolseiros terase en conta o expediente académico e a realización de cursos, mestrados de investigación e diplomas de estudos avanzados (DEA) relacionados co obxecto das bolsas; as publicacións, as comunicacións en congresos, ademais dunha entrevista persoal na que se valorará o coñecemento do poroxecto de investigación concreto e daqueles medios instrumentais necesarios para o que presenta a solicitude, a motivación e a iniciativa.

O prazo de solicitude está aberto desde este sábado ata o vindeiro 22 de xullo. 

También te puede interesar