Vigo al día

Alertan de que mandar o material cirúrxico do Cunqueiro a esterilizar a Povisa non garante a súa limpeza

Hospital-Álvaro-CunqueiroMandar o material cirúrxico a esterilizar a Povisa tampouco serviu para garantir que ese material chegara aos quirófanos do Cunqueiro en condicións de seguridade para realizar as intervencións, “polo que continúan as suspensións e retrasos nas intervencións, coa conseguinte repercusión nas listas de espera”.

Esta é a denuncia que fai a Confederación Intersindical Galega (CIG) dende donde se engade que “en 6 meses a Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) non foi quén de facer un correcto diagnóstico das causas que xeraban os problemas, polo que os tratamentos aplicados non están a funcionar”.

Os traballadores salientan que é lamentable que tendo unha central de esterilización pública, acreditada e con profesionais competentes, “nos vexamos, desde que se iniciou o traslado ao Novo hospital, con continuos problemas co material, que ocasionan reiteradas suspensións de intervencións cirúrxicas”.

Para a central sindical se a Xerencia escoitara aos profesionais, que facían posible o funcionamento con altos estándares de calidade da antiga central de esterilización, “no canto de presionalos e facelos traballar en condicións imposibles”, sería máis doado facer un diagnóstico correcto e aplicar as medidas correctoras necesarias.

A CIG engade que “non podemos agardar por máis solucións temporais” nin cambios da organización para ver se funcionan e esixe á Xerencia unha avaliación seria e competente da situación e que se tomen as medidas necesarias para solucionala, aínda que iso signifique ter que modificar decisións xa tomadas e cambiar o lugar do lavado e esterilización do material para facelo o máis próximo en tempo e lugar a onde se produce.

También te puede interesar