Cultura Vigo al minuto

Nove días de jazz galego e internacional da man do XII Festival Imaxinasons

O Festival de Jazz de Vigo Imaxinasons chega á súa décimo segunda edición cunha máxima: a calidade musical dun proxecto integramente municipal, unha “referencia cultural urbana da cidade” e “peza esencial” do desenvolvemento do jazz en Galicia.

Así o manifestou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, durante a presentación deste festival, que inundará a cidade de música do 1 ao 9 de xullo en distintos espazos, con especial presenza do Auditorio Municipal do Concello, o Marco e a rúa Londres.

Cun orzamento de 150.000 euros, de novo contará no seu programa con artistas internacionais de primeira fila, así como jazz galego e español. Esta edición preséntase ademais baixo a dirección de Lucía Martínez, unha das multiinstrumentistas e compositoras máis destacadas da nova xeración de músicos de jazz de Europa, que buscará reforzar e apoiar a presenza do jazz europeo, con especial atención á escena máis próxima.

Entre os artistas presentes, o brasileiro Hermeto Pascoal, unha lenda da música que visita Galicia por vez primeira, encargado do concerto de apertura no auditorio municipal. Sobre ese escenario tamén pasarán Julia Hülsmann, Rabih Lahoud, Nani García ou Aki Takase. O peche de Imaxina Sons 2016 correrá a cargo da Orquestra de Jazz de Matosinhos. 

O Marco volverá a ser o escenario durante tres xornadas de concertos arraiáns, desafiantes, excéntricos e cheos de virtuosismo co percusionista Robertoliveira, o saxofonista Frank Gratkowski e o trío FronTTon. A noite do festival trasladarase a partir do xoves 7 de xullo ao escenario da rúa Londres co trío do pianista portugués Pedro Neves Trío, o jazz indie dos dinamarqueses Girls in Airports e o novo traballo do contrabaixista galego Kin García.

Pincha para ver o programa completoAs entradas poderán comprarse a partir do 20 de xuño en Ataquilla ou na Central de Espectáculos.

También te puede interesar