Cultura Vigo al minuto

Quince días nos que Vigo puxo en xaque ao réxime franquista

vigo 1972 grande“Aspiramos a que o noso documental sobre a folga xeral do 72 se convirta nun símbolo para a cidade”. Así o manifestaban Roi Cagiao e Emilio J. Fernández durante a presentación este sábado no Marco de ‘Vigo 1972. A hora da verdade’, dentro do Festival Primavera do Cine.

Escrita e dirixida por Cagiao e producida por Fernández, a película da produtora Arthur Gordon relata os acontecementos de 1972, ano no que, a través dunha folga xeral de quince días na que participaron máis de 25.000 traballadores, Vigo e a súa bisbarra foi quen de poñer contra as cordas ao réxime franquista, contribuíndo significativamente ao desgaste e fin do mesmo e convertindo a cidade no centro de atención a nivel estatal e europeo.

Para os asesores históricos do documental, José Gómez e Alberto Alonso, é moi rechamante que Vigo celebre anualmente un acontecemento como a Reconquista, pero que a folga de 1972, “que supuxo o feito máis relevante acontecido na cidade na segunda metade do século XX e que a puxo á vangarda da loita contra o franquismo en España, pase desapercibida”.

Coa rodaxe prácticamente rematada, a película artéllase a través de imaxes de arquivo, dramatizacións e o testemuños de protagonistas dos feitos, como Waldino Varela, Juan Benavides, Carlos Núñez, Carlos Barros, Camilo Nogueira, Elvira Landín, Juan Bacariza, Francisco Lores, Margarita Rodríguez, Pilar Pérez e Rafael Pillado. A estrea de ‘Vigo 1972. A hora da verdade’ será en 2017, coincidindo cos 45 anos da conmemoración dos feitos que se narran na longametraxe.

También te puede interesar