Cultura Vigo al minuto

O Freixo Rock máis completo xa quenta motores

freixo rockMaio comeza con festa da boa. Esta fin de semana chega unha nova edición do Freixo Rock, dous días cargados de música, acampada de balde, comida e bebida a prezos populares e carpa, entre outras moitas cousas. E chega este 6 e 7 de maio cun cartel musical do máis completo, combinando estilos, procedencias e temáticas.

O festival arranca o venres cun gran abano de artistas da terra: dende os Cuchufellos ata Cé Orquestra Pantasma, pasando polos pontareanos de Skandalo GZ ou os vigueses de Keltoi! e Os Podridos. Estilos Oi!, punk e ska xunto a música de Galicia.

Xa o sábado o mapa esténdese en numerosas direccións: os asturianos Desakato, o grupo bilbaíno Manifa ou os madrileños Oferta Especial. Tamén haberá unha gran representación viguesa esa noite, con grupos como Liska! ou Ovos Podres, que acompañarán a Demencia Sonora e a Leo i Arremecághona.

O festival arrancará o venres ás 21 horas cunha actividade especial: unha sesión de ‘punkipilates’. Unha hora despois arrancará a quenda de concertos no campo de fútbol situado á beira do local da asociación de veciñas e veciños de Freixo. Nesta ocasión o único requisito para poder acceder ao recinto de concertos será realizar unha consumición, xa que a organización leva organizado diversas actividades para recaudar o financiamento necesario, como unha andaina terrorífica, baixadas de carros de bolas, bingos, tuppersex ou poñendo postos nas festas da Reconquista de Vigo e na Brincadeira de Bouzas.

También te puede interesar