Ciencia y Tecnología

Nin móbiles ni tablets: os nenos seguen preferindo a televisión

beatrizfeijoo

A pesares de que internet e os videoxogos ocupan cada vez un maior espazo no seu tempo de ocio, a televisión continúa a ser a ‘pantalla’ predilecta dos nenos e nenas galegos. É o que constatou a investigadora de Ciencias Sociais e da Comunicación, Beatriz Feijóo, na súa tese de doutoramento, na que analizou o consumo destas tres pantallas entre 2.202 estudantes de 6º de Primaria de 77 colexios públicos e privados de distintas localidades galegas.

Na súa tese puido comprobar que os rapaces e rapazas galegos dedican máis de dúas hora ao día ao consumo destes tres medios e que o tempo dedicado a estes dispositivos “increméntase de forma acusada” nas fins de semana. Sen embargo, o peso crecente que estas teñen na vida e no ocio dos nenos non implica o abandono das actividades sociais, “xa que a maioría sinalaron que tamén lles gusta moito investir o seu tempo libre cos seus amigos ou xogando na rúa”.

Fortes vínculos coas pantallas

Televisores, ordenadores e videoconsolas conforman, xunto cos teléfonos móbiles, “o equipamento tecnolóxico máis común dos fogares españois”, co que os nenos e nenas “teñen unha vinculación sólida” e cada vez con “máis peso no ocio infantil”. A pesar disto, nas enquisas os rapaces e rapazas sinalaron como “preferentes, por riba do consumo de pantallas”, actividades como saír xogar cos amigos, ir ao parque ou facer deporte, incluso entre aqueles que afirmaron permanecer máis de catro horas ao día diante das pantallas.

E a televisión segue sendo a raíña. Os cuestionarios rebelan que un de cada tres nenos e nenas dedica ao menos dúas horas ao día a ver a televisión, período de tempo que, atendendo aos estudos realizados por diferentes expertos, Feijóo tomou como referencia “para determinar o punto a partir do cal os nenos estarían sobreexpostos ás pantallas”. Preto do 65% dos enquisados afirmaron dedicarlle “ata dúas horas” nos días de colexio á televisión, “un consumo que se incrementa de forma considerable nas fins de semana”, mentres que no caso de internet, presente no 76% dos fogares dos enquisados, con “grandes diferencias” no grao de penetración entre a contorna urbana e o rural, a maioría declararon permanecer conectados menos dunha hora durante os días de colexio, tempo que de novo se incrementa nas fins de semana. Por último, os cativos aseguraron dedicar menos dunha hora ao día aos videoxogos durante os días de colexio, mentres que, en sábados e domingos, “máis do 50% afirmou xogar entre unha e tres horas”.

Consumo de produtos non adecuados á idade

Outra das conclusións deste estudo, trala análise dos contidos sinalados como favoritos, é que os nenos e nenas consumen produtos “non recomendados para a súa idade”. Nese senso, Feijóo apunta que, no tocante á televisión citaron programas “non aptos para unha audiencia menor de 12 ou 16 anos”, ao igual que aludiron a videoxogos para maiores de 18. De feito, a investigadora apunta que mentres que na televisión os nenos e nenas “de forma xeral si adoitan ver as series e debuxos animados” dirixidos a esta franxa de idade, no tocante aos videoxogos as súas preferencias pasan por aqueles “de uso xeneralizado en todas as idades”. Do mesmo xeito, en internet ademais de “visitar portais e servizos restrinxidos por lei a usuarios maiores de 15 anos, como as redes sociais”, optan por empregar tamén “servizos, aplicacións ou portais pensados para un público adulto”, explica Feijóo, que incide na súa tese no papel que deben xogar pais e nais, como “responsables da alfabetización dixital dos nenos”.

También te puede interesar