Galicia

Máis de 500 bombeiros de Galicia protestan para rexeitar a privatización dos parques

manifabomberos

Máis de medio milleiro de bombeiros públicos e privados das catro provincias galegas participaron hoxe nunha manifestación en Ourense convocada para rexeitar a privatización dos parques comarcais e reclamar un modelo de xestión directa por parte das Administracións públicas. A mobilización, celebrada baixo o lema ‘Rescátanos’, contou co apoio da Plataforma de Bombeiros Públicos Galegos e da Coordinadora Unitaria de Bombeiros Profesionais.

A marcha arrincou ao mediodía do parque municipal de bombeiros de Ourense e rematou ás portas do edificio da Deputación Provincial, a única das catro que non se pronunciou a favor de abandonar o actual modelo de xestión privada, tras percorrer as principais rúas da cidade e pasar por diante da casa consistorial. A protesta concluíu coa lectura dun manifesto e cunha tirada de petardos e botes de fume, tras o que os participantes celebraron unha comida de confraternidade no parque municipal.

A mobilización fai parte da campaña de protestas que o colectivo desenvolve baixo o lema “Rescátanos” para reclamar a xestión directa do servizo por parte das Administracións públicas, o que segundo os cálculos da Mesa Intersectorial da CIG permitiría un aforro de até un 30%. Na actualidade unicamente sete dos máis de 30 parques existentes no país están baixo xestión pública, e os arredor de 420 traballadores afectados levan máis de dous anos en folga para denunciar esta situación.

También te puede interesar