Destacados

En Marea consultará ás súas bases para adoptar unha decisión sobre o Goberno

enmareaA Mesa Coordinadora de En Marea decidiu realizar unha consulta para definir a posición dos seus deputados no Congreso en relación á investidura do novo presidente do Goberno. O resultado desta votación será vinculante e, polo tanto, de obrigado cumprimento para os seus representantes.

Neste proceso poderán participar todas as persoas que xa se rexistraran no proceso de validación das candidaturas de En Marea en novembro de 2015, aínda que se abrirá un período de ampliación do censo para que se poidan incorporar novas persoas a esta consulta ou para posteriores. Esta reapertura contará cos mecanismos de contraste para garantir que realmente votan as bases da agrupación e non axentes alleos, segundo explicou En Marea nun comunicado.

Preguntas ás bases

As preguntas que se farán ás bases son ‘Debe En Marea apoiar un goberno presidido por Pedro Sánchez e baseado no acordo PSOE-Ciudadanos?’ e ‘Debe En Marea continuar traballando, en colaboración con Podemo e En Comú, para alcanzar un goberno de cambio xunto ao PSOE e outras forzas progresistas?’.

Hoxe mesmo a agrupación presentará o procedemento e martes e mércores 19 e 20 de abril será o período de inscrición no censo. Esta inscrición será vía telemática a través do portal de En Marea. Xoves e venres 21 e 22 de abril procederase ás votacións, que se levarán a cabo por vía telemática a través da plataforma AgoraVoting. Xa o sábado 23 farase a proclamación dos resultados.

También te puede interesar