Galicia

@galizacig convoca folga indefinida en Frigolouro Porriño dende este xoves

Frigolouro Porriño
Frigolouro Porriño

A CIG convoca folga indefinida na empresa Frigolouro do Porriño a partir deste xoves día 17 para reclamar “unhas mínimas condicións laborais” para o persoal autónomo dependente que pertence a Servicarne. A decisión foi adoptada tras constatar a falta de diálogo e compromiso da dirección da compañía de alimentación con respecto á mellora das condicións de traballo.

Segundo explican dende a federación de Alimentación da CIG de Vigo, o motivo principal da mobilización é reivindicar unhas condicións laborais dignas para o colectivo de traballadores autónomos dependentes pertencentes a Servicarne, empresa cun cadro de persoal de 224 persoas.

A decisión foi adoptada en asemblea polo persoal autónomo cooperativista de Servircarne tras constatar a falta de diálogo e compromiso da empresa para mellorar as actuais condicións de traballo.

Os empregados reclaman unha xuntanza urxente da dirección da empresa cos representantes sindicais da CIG e anuncian que de non producirse paralizarán a actividade de forma indefinida a partir das 5 menos cuarto da mañá deste xoves.

Entre as súas demandas salientan: establecer un horario de traballo de oito horas, salario mínimo fixo, tomando como referencia o convenio de industrias cárnicas; ritmos de traballo semellantes aos que rexían para o persoal de Frigolouro; calendario de vacacións pagadas e disfrutadas; cobrar a media hora de descanso; fixar prezo da hora extra a partir das oito horas de traballo, incluídos sábados, domingos e festivos; fixar a prestación en caso de baixa por enfermidade ou accidente de traballo; licencias retribuídas que figuran no convenio de cárnicas; rotar nos postos para combater a fatiga do traballo e evitar así accidentes e enfermidades laborais; colocación do reloxo de velocidade nun sitio visíbel da sala para comprobar o ritmo de traballo e eliminación das multas económicas por sanción.

También te puede interesar