Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica o listado de 13.862 persoas admitidas para as oposicións á Administración da Xunta

OposiciónsCase 14.000 persoas participarán nas oposicións a 89 prazas na Administración Xeral da Xunta, segundo as listas definitivas que publica este martes o Diario Oficial de Galicia (DOG). Entre elas, ofértanse prazas para reforzar eidos como o control das finanzas públicas e a loita contra a fraude fiscal.

Esta relación de persoas admitidas –un total de 13.862 opositores- foi elaborada pola Dirección Xeral da Función Pública, e pódese consultar na web funcionpublica.xunta.gal da Consellería de Facenda.

Nestas convocatorias ofértanse 82 prazas de acceso libre, ás cales van opositar persoas que queren traballar na Xunta de Galicia e contan coa titulación correspondente. Estas prazas cubriranse polo sistema de oposición libre, e sete delas están reservadas para persoas con discapacidade, ás que optan 771 persoas. Ademais, outras sete prazas son para promoción interna.

Das 13.862 persoas admitidas nestes procesos selectivos, 7.639 aspiran a acceder ao corpo auxiliar (subgrupo C2) e 4.182 ao corpo administrativo (subgrupo C1). Pola súa parte, no corpo de xestión (subgrupo A2) contabilízanse 1.180 admitidos, mentres que no corpo superior (subgrupo A1) son 861.
E

stas oposicións permitirán reforzar distintos corpos de funcionarios da Administración xeral da Xunta de Galicia. En concreto, 15 prazas serán para o corpo superior (A1) e 10 prazas para o corpo de xestión (A2). Ademais, a Xunta convocou 20 prazas para persoal administrativo (C1) e 44 prazas para auxiliares (C2).

Primeiro exame antes do verán

Unha vez publicada no DOG a resolución coas listas provisionais de persoas admitidas e excluídas, a Xunta examinou e resolveu todas as reclamacións presentadas. A Consellería de Facenda, a través da Dirección Xeral da Función Pública, publica hoxe no DOG as listas definitivas, con 13.862 admitidos e 523 excluídos.

En vindeiras datas publicaranse os nomeamentos dos tribunais encargados de xulgar os respectivos procesos selectivos. En todo caso, a realización do primeiro exame está prevista antes da finalización deste primeiro semestre do ano.

También te puede interesar