Vigo al minuto

Marea de Vigo pedirá no Pleno do Concello que se cree un ‘Parque de Vivendas Municipal’

VigoMarea de Vigo presentará unha moción ao pleno na que solicitará que se acorde a creación dun ‘Parque de Vivendas Municipal’ como o aprobado en pleno de concellos como o de Burgos, que en 2015 aprobou a creación dun parque de vivendas para atender a persoas e familias en risco de desafiuzamento ou sen recursos para acceder a unha vivenda digna.

Este futuro parque contaría coa totalidade das vivendas de titularidade municipal que figuran no inventario de patrimonio e aquelas que puidesen ser cedidas a súa titularidade ou uso por entidades bancarias, SAREV ou outros organismos públicos mediante convenio. No caso de Burgos unha entidade bancaria cedeu varios inmobles que son empregados polo concello como vivendas de emerxencia social.

Marea de Vigo considera que Vigo está “a anos luz” de iniciativas como as Sociedades Municipais de Promoción e Xestión de Vivenda que funcionan en Cádiz ou Zaragoza, que facilitan á cidadanía o acceso á vivenda digna en arrendamento ou mesmo en propiedade, ademais de xestionar o rexistro e os parques de vivenda municipal.

Do mesmo xeito Marea pedirá aclaración de que vai pasar coa parcela final resultante da agrupación das parcelas e vivendas expropiadas para a cesión de terreos á Xunta para a construción da cidade da Xustiza.

O Grupo Municipal da Marea de Vigo entende que sen plan xeral do 2008 como referencia, coa posible alternativa de situar a cidade da Xustiza no edifico do antigo Hospital Xeral, cunha parcela xa rexistrada a nome do Concello e obtida con recursos de alleamentos públicos tal e como figura na LOUGA, debería ter un uso exclusivamente para a construción de vivendas “suxeitas a algún réxime de protección pública” tal e como figura no artigo 176.2.e da LOUGA e mesmo no expediente de alleamento do anterior lote de vivendas da rúa República Arxentina que dotou os recursos para as expropiacións deste ámbito.

También te puede interesar