Galicia

@Xunta abre o prazo para inscribirse na bolsa de traballo temporal da Administración galega

XuntaA Xunta abrirá a vindeira semana o prazo de inscrición na bolsa de emprego temporal da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá inscribirse nas listas para a contratación de persoal laboral temporal e para o nomeamento da funcionarios interinos.

O prazo de inscrición permanecerá aberto dende o 1 de marzo ata o vindeiro 15 de xullo, segundo recolle unha resolución da Dirección Xeral da Función Pública no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe. O número de listas que estarán abertas á inscrición é de 25. Delas, 13 listas son para o nomeamento de funcionarios interinos e 12 para a contratación de persoal laboral. Respecto a 2015 ábrense sete listas.

Todas aquelas persoas interesadas en formar parte desta bolsa de emprego temporal poderán solicitar a súa inscrición no prazo de referencia, e para iso deberán presentar a instancia conforme ao modelo que se atopa xa á súa disposición na web da Xunta de Galicia (www.xunta.gal), no apartado de Listas de Contratación. As persoas que xa forman parte desta bolsa non é preciso que se anoten de novo.

O acceso ao emprego temporal na Administración galega realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou da contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde de prelación dos aspirantes –cuxas solicitudes se engaden ás xa existentes- vén determinada pola suma de puntuacións atribuídas aos seus méritos.

Entre as listas abertas á inscrición están as de titulado superior médico; ATS, enfermeiro, practicante; mestre especialista en educación infantil; oficial 1ª cociña; auxiliar sanitario, auxiliar clínica, auxiliar psiquiátrico, auxiliar de enfermería; inspección urbanística; arquitectos; enxeñeiros industriais; veterinarios; biólogos; escalas superior e técnicas de finanzas e enxeñeiros técnicos agrícolas.

O maior número de contratacións no eido da Administración xeral realízase nos centros de Política Social, en postos de traballo como auxiliares sanitarios, coidadores, auxiliares de enfermaría ou coidadores xeriátricos, xa que os servizos sanitarios, educativos e de xustiza da Xunta incorporan persoal temporal a través das súas propias bolsas de contratación.

También te puede interesar