Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

A tese do doutor Marcos Prada, ciruxán pediátrico da sanidade pública de Vigo, ‘Sobresaliente cum laude’ pola Universidade de Santiago de Compostela

O doutor Marcos Prada Arias, ciruxán pediátrico co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo
O doutor Marcos Prada Arias, ciruxán pediátrico co Complexo Hospitalario Universitario de Vigo

Demostrar a utilidade do fibrinóxeno, unha proteína plasmática do sistema de coagulación, no diagnóstico da apendicite aguda pediátrica, é a finalidade da tese doutoral que realizou o cirurxián pediátrico do CHUVI, Marcos Prada Arias, e que obtivo a cualificación de sobresaliente “cum laude” no Departamento de Pediatría da Universidade de Santiago de Compostela.

A tese estivo dirixida polo xefe de Pediatría do CHUVI, José Ramón Fernández Lorenzo, e polo facultativo especialista en Radiodiagnóstico, José Luis Vázquez Castelo. Tamén participaron diferentes servizos do Complexo Hospitalario vigués, sobre todo Pediátría e Cirurxía Pediátrica, así como o Instituto Investigación Biomédica de Vigo (IBI).

Para iso avaliáronse os 764 casos de sospeita de apendicite aguda atendidos no Servizo de Urxencias de Pediatría do Complexo Hospitalario de Vigo durante os anos 2013 e 2014. Creáronse dous grupos, un de apendicite aguda e outro de dor abdominal inespecífica, nos que ademais do fibrinóxeno, estudáronse e comparáronse múltiples variables clínicas, probas de laboratorio e radiolóxicas.

Esta tese demostra que o fibrinóxeno é válido como proba diagnóstica de apendicite no neno, tanto illadamente como en combinación con outras probas.É especialmente útil para diferenciar a apendicite non complicada da complicada ou perforada, sendo comparable a outras técnicas que son as máis utilizadas na práctica clínica na actualidade. A vantaxe do fibrinóxeno é a súa fácil, rápida e económica obtención, polo que é especialmente útil como proba diagnóstica de urxencia”, afirma o doutor Prada Arias.
Proposta de novo protocolo diagnóstico

Outra das conclusións do estudo é a gran utilidade da regra de predición da apendicite no neno para ordenar por grupos de risco aos pacientes sospeitosos desta doenza, e cómo a inclusión do fibrinóxeno nesta regra tradúcese nunha mellora na toma de decisións médicas. Da mesma forma, o autor da tese chegou á conclusión do “escaso beneficio que se obtén ao realizar a ecografía abdominal nos casos de baixa ou alta sospeita clínica de apendicite”, debido ao número de falsos positivos e negativos nestes casos. Mesmo no estudo obsérvase que a ecografía nestes grupos podería aumentar a taxa de cirurxía innecesaria, e en cambio a súa non realización non incrementaría a taxa de perforación. En base a estes achados proponse un protocolo diagnóstico en base á regra de predición que inclúe o fibrinóxeno, que asociado a un uso selectivo da ecografía abdominal, “aforraría ata o 40% destas probas de imaxen, mellorando os resultados”.

O doutor Prada Arias considera que “cada día existe maior evidencia da posibilidade de tratar de maneira conservadora a apendicite só con antibióticos, sen necesidade de operación, como se fai con outro tipo de procesos infecciosos como as amigdalites ou pneumonías. Para establecer o tratamento antibiótico adecuado será necesario diferenciar correctamente a apendicite non complicada da complicada ou perforada, para o que o fibrinóxeno é unha ferramenta especialmente útil”.

Moi frecuente en nenos
A apendicite aguda é unha enfermidade moi frecuente na idade pediátrica, representando a principal causa de cirurxía urxente en nenos. A Sección de Cirurxía Pediátrica do CHUVI intervén ao ano uns 160 casos. O seu diagnóstico baséase fundamentalmente na clínica ou conxunto de signos e síntomas, aínda que as probas de laboratorio e de imaxe lograron unha importante melloría.

A pesar dos avances realizados nas últimas décadas, as taxas de cirurxía innecesaria ou pacientes operados sen apendicite, e de perforación ou pacientes operados cando o apéndice xa está perforado ou roto, continúan sendo elevadas, o que indica que o diagnóstico é aínda difícil en moitos casos. Esta dificultade débese á frecuente clínica inespecífica a idades temperás e á súa fácil confusión con outras enfermidades frecuentes, como a dor abdominal inespecífico, a adenite mesentérica ou a gastroenterite aguda.

También te puede interesar