Galicia

Esixen solucións para as 50 granxas de Codegui ás que Celta deixará de recollerlles o leite o 1 de febreiro

VacasOs socios e socias da cooperativa Codegui que fornecen leite a Celta terán este mércores unha asemblea difícil. Nela, as 50 granxas leiteiras de Codegui, o meirande de Guitiriz -pero tamén de concellos veciños como Vilalba, Aranga ou Xermade- terán que decidir que fan cos 26.000 litros de leite que lles recolle cada día a industria con sede en Pontedeume logo de que Celta xa lles anunciou que deixará de mercarlles a partires do 1 de febreiro.

Codegui mantivo contactos con outras industrias nos últimos días, pero todos foron infrutuosos. Deste xeito, a única solución que teñen agora mesmo sobre a mesa é a de saldar o leite que produzan a prezo de intervención, isto é, a 18 céntimos o litro.

Dende o Sindicato Labrego Galego (SLG), esixen a intervención urxente da Consellaría de Medio Rural para que “cumpra coa súa obriga de defender estas granxas do desamparo no que fican diante da decisión de Celta de non renovarlles o contrato”. A alternativa de “vender o leite a 18 céntimos non só é indigna, senón que será ruinosa e provocará, antes ou despois, a creba económica das 50 granxas leiteiras de Codegui, polo que a Consellaría de Medio Rural ten a obriga de evitalo”.

O SLG denuncia, de novo, que as políticas do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural para o sector lácteo, nomeadamente o acordo de boa vontade asinado en Madrid do pasado 23 de setembro, “non están a servir para nada”. Se atendemos aos datos facilitados polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), “no ano 2015 pecharon en Galicia medio milleiro de granxas de leite, pois comezamos o ano con 9.606 explotacións facendo entregas, e en novembro quedaban só 9.181”.

En canto aos prezos, segue sen haber trazas de recuperación: en novembro, o prezo medio en Galicia, segundo datos da Consellaría de Medio Rural, foi de 28’70 céntimos por litro. “Coma sempre, esta media leva a engano, pois se collemos só as granxas que producen 300.000 quilos ou menos -o meirande no país- o prezo medio cae a 26,69 céntimos”.

Actualmente, a produción non para de medrar na nosa terra con respecto ao ano pasado “sen que as autoridades fagan nada para controlala, de maneira que o previsible é que siga habendo industrias que deixen de recoller impunemente o leite -non hai ningunha lei nin acordo que as obrigue-, pois non teñen maneira de comercializar os excedentes, mentres os prezos seguen afundíndose por ese exceso de produción”.

Diante deste panorama, dende o SLG se exise que o Ministerio de Agricultura sente de novo aos axentes do sector para negociar solucións realistas e efectivas para que non se repitan casos como este de Codegui que ameaza con arruinar medio cento de granxas galegas.

También te puede interesar