RGPD - Cookies
Vigo al día

Sanidade asegura que o traslado da Unidade de Coidados Paliativos ao Meixoeiro mellorou a calidade asistencial

Doutor Javier García Vega, xefe da Unidade de Paliativos
Doutor Javier García Vega, xefe da Unidade de Paliativos

Segundo indica o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a Unidade de Coidados Paliativos emprazada no Hospital Nicolás Peña foi traslada a sétima planta do Meixoeiro, obtén “unha moi boa valoración por parte dos usuarios e, sobre todo dos familiares dos pacientes”.

Actualmente, indica Sanidade nunha nota, conta con 13 habitacións, todas elas individuais- ao contrario que no Nicolás Peña no que soamente había catro individuais-, e dispón tamén dunha sala habilitada para que os médicos poidan falar con discreción cos familiares dos pacientes ingresados. “Un elemento que é moi importante no noso traballo diario, xa que o contacto cos familiares dos enfermos é fundamental”, explica o responsable da Unidade, o doutor Javier García Vega.

A maioría dos pacientes son oncolóxicos con enfermidade metastásica, ainda que tamén ingresan na Unidade persoas con enfermidades crónicas en situación avanzada e con pronóstico grave. A media de idade é aproximadamente de 65 anos. “Por ese motivo, ademais da atención ao propio paciente, hai que ser moi próximo cos seus familiares; porque aínda que coñecen o estado en que se atopa o seu achegado, ninguén está preparado para esas situacións”, afirma o doutor García Vega.

O Sergas sinala que o número de pacientes tratados na Unidade increméntase cada ano. Con anterioridade a 2013, había unha media anual de 350 pacientes. Xa nese ano a cifra incrementouse ata 407, o ano 2014 subiu a 410, e o ano 2015 pechouse con case 450 enfermos. Un número moi importante para unha unidade deste tipo.

A Unidade de Coidados Paliativos depende organicamente no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI)i do servizo de Medicina Interna e mantén unha estancia media dos pacientes de 8 días. Con todo, a demanda crece continuamente e obrigará, nun futuro, a ampliar as instalacións e o persoal.Procuramos mellorar cada día na atención e na información aos familiares, porque é fundamental na unidade, ademais, por suposto, de proporcionar aos pacientes a maior comodidade e o mellor tratamento posible, dado o seu estado de saúde”, aclara García Vega.

A unidade conta con dous facultativos de Medicina Interna especializados en coidados paliativos, así como cunha supervisora, persoal de enfermería e auxiliares con ampla experiencia e formación específica na atención a este tipo de pacientes.

Conta tamén cunha psicóloga e unha traballadora social que son pezas fundamentais para abordar a complexidade psicosocial que provocan estas situacións. “Desta forma realízase unha atención integral e desde unha perspectiva multifuncional, tanto da situación clínica do paciente como das súas expectativas, espiritualidade e confortabilidade, así como das da súa familia”.

También te puede interesar