Comarcas

O Concello de Ponteareas subvenciona con 34.500 € 18 novos postos de traballo de persoas desempregadas

concello-ponteareasO Concello de Ponteareas concedeu un total de 19 subvencións con cargo á liña para fomento da creación de emprego, creada co soldo do alcalde trala súa toma de posesión. Segundo informa o Concello, presentáronse numerosas solicitudes de subvención por parte de emprendedores en paro e empresas da localidade e dada a limitación do presuposto foron atendidas 19.

Delas, un total de 15 persoas que se atopaban en situación de desemprego percibirán 2.000 € cada unha por darse de alta como autónomos, levando a cabo proxectos de autoemprego, principalmente nos sectores da hostalería e transporte.

Ademais, respecto á contratación de persoas desempregadas por parte de empresas, o Concello subvencionará a creación de 2 contratos temporais de 1 ano de duración -1.000€ cada un deles- e 500€ para a creación dun contrato temporal de 6 meses. Por último, tamén se concedeu unha axuda de 2.000€ pola conversión dun contrato laboral noutro indefinido.

O 50% da cantidade de cada unha destas axudas será entregada de maneira inmediata, aos beneficiarios mentres que o 50% restante abonarase unha vez sexa verificado o cumprimento das bases que rexen estas subvencións. A partida orzamentaria para creación e fomento do emprego para este ano 2016 “será, polo menos, de 50.000€”, asegurou o Alcalde.

O alcalde, Xosé Represas manifestou a súa satisfacción porque “convocamos a liña de subvencións en tempo record e logramos incentivar a creación de 18 postos de traballo no sector privado e a conversión dun traballador temporal en indefinido. Aspiramos a moito máis pero este xa é un paso importante na boa dirección”.

También te puede interesar