Vigo al minuto

Sanidade anuncia que os pacientes dos hospitais de Vigo terán un menú especial no Nadal

Seleccion_Menu_HACSegundo informa o Servizo Galego de Saúde (Sergas), os hospitais do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) ofrecerán aos pacientes que permanezan ingresados este Nadal unha “variedade de menús compostos por pratos típicos destas festas e que incluirán as tradicionais uvas e o roscón de Reis”.

Nesta selección de alimentos, segundo o Sergas, “prevalecerá o gusto dos usuarios polos pratos tradicionais, tendo en conta os estándares de calidade, as necesidades nutricionais e as prescricións médicas de cada un dos pacientes”.

Entre as opcións para Noiteboa, Nadal, Noitevella, Ano Novo e Reis, poderán optar por pratos tradicionais da época: langostinos, bacallau, linguado, lubina, redondo, codillo ou pavo son algunhas das opcións que degustarán nos diferentes centros .

Ademais das sobremesas, o que será común para os tres hospitais (HAC, Meixoeiro e Rebullón) son as bandexas cos doces típicos como o turrón, o roscón de Reis e as uvas para dar a benvida ao Ano Novo desde o hospital.

No Hospital Álvaro Cunqueiro os pacientes con dietas seleccionarán nas pantallas dixitais que se atopan nos cabeceiros de cada cama o menú da súa preferencia. “Para aqueles con dietas especiais, o Nadal tamén estará presente con algunha variación no menú, respectando sempre as restricións indicadas polos facultativos”.

O Servizo Galego de Saúde asegura que esta posibilidade de elección ofrécese aos pacientes do Cunqueiro desde o pasado novembro a través da pantalla táctil do equipo multimedia co que está dotado cada unha das camas. “Durante o seu ingreso poden decidir, cun día de antelación, o que tomarán como comida e cea. O sistema permítelles elixir entre tres opcións para o primeiro prato, outras tres para o segundo e tamén para a sobremesa”.

También te puede interesar