Ciencia y Tecnología Vigo al día

Vigo pioneiro cun programa para axilizar a atención aos pacientes de baixa por enfermidades musculoesqueléticas

O xefe de servizo de Reumatoloxía do Chuvi, o doutor Ceferino Barbazán
O xefe de servizo de Reumatoloxía do Chuvi, o doutor Ceferino Barbazán

O servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), en colaboración coa Atención Primaria ven de implantar un Programa de Intervención Temperá en Incapacidade Temporal por Enfermidades Musculoesqueléticas. O obxecto deste programa, pioneiro en Galicia, é axilizar a atención aos pacientes de baixa laboral por este tipo de patoloxías.

Para isto, a través dun convenio de colaboración ente o Sergas e ABBVIE, contratouse a un especialista en reumatoloxía, que, en colaboración cos médicos xerais de atención primaria, se adicará a atención específica dos pacientes con estas doenzas.

Segundo afirma o xefe de servizo de Reumatoloxía do Chuvi, Ceferino Barbazán “con esta iniciativa axilizaremos as demoras destes pacientes en lista de espera e, en consecuencia, unha vez diagnosticados e tratados, se hai melloría, as posibilidades da alta son tamén mais áxiles. Isto conleva unha redución da duración da súa dispacidade laboral ao rebaixarse de forma considerable os períodos de baixa laboral”-.

Inicialmente, este proxecto implementarase en catro centros de saúde de Vigo e, con posterioridade, extenderase ao resto. Os centros de Rosalía de Castro, Teis, A Doblada e Rúa Cuba serán os primeiros en participar neste programa, o que supón que poderá beneficiar a uns 100.000 usuarios.

“O protocolo a desenvolver establece que a poboación diana deste programa son pacientes con incapacidade temporal recente de causa músculoesquelética non cirúrxica, nos que a posibilidade de cronificación e alongamento das baixas aumenta cos días. O médico xeral será quen o derive a esta axenda específica do reumatólogo, que deberá citalo nun prazo máximo de cinco días “-explica o doutor Barbazán.

Alta incidencia na poboación

As enfermidades musculoesqueléticas son aquelas que afectan a osos, músculos, tendóns, articulacións, columna vertebral, metabolismo óseo e tecido conectivo. Na actualidade presentan unha alta incidencia entre a poboación en xeral, e constitúen unha das principais causas de incapacidade para o traballo a calquera idade.

De feito, os estudos amosan que este tipo de enfermidades supoñen un 18 % dos procesos e un 23% do total de días de baixa por enfermidade no Estado. Case que a metade -un 40 %- das incapacidades permanentes teñen a súa orixe en enfermidades musculoesqueléticas.

Vantaxes

A posta en marcha deste programa, xa implementado noutra áreas sanitarias do país, presenta unha serie de vantaxes tanto para o sistema sanitario como para os pacientes .

Así, os datos de avaliación revelan que naquelas áreas que teñen desenvolvido esta actuación, a duración dos episodios de baixa diminuíu un 40 %; reducíronse nun 50% as incapacidades permanentes concedidas; baixaron á metade os custe sanitarios; e detectouse una elevada satisfacción entre os pacientes ao tempo que houbo unha gran aceptación por parte de Atención primaria.

A identificación temperá da enfermidade e o tratamento precoz, son os principais factores para evitar a discapacidade do usuario e a consecución dun resultado favorable para o paciente o para a sociedade.

También te puede interesar