Cultura

140 axudas a universitarios para intercambios con países extracomunitarios

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria de axudas destinadas aos estudantes universitarios que participan en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2015/2016, pola que se conceden un total de 140 bolsas. A resolución pode consultarse aquí.

Estas axudas premian a excelencia do alumno ao ter en conta, como único criterio de avaliación, a nota media do expediente académico de aqueles que previamente cumprían os requisitos esixidos na orde. Os beneficiarios recibirán unha dotación económica de 1.100 €.

Por universidades, resultaron beneficiarios das axudas 72 alumnos e alumnas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 51 da de Vigo (UVigo) e 17 da da Coruña (UDC). Os países nos que cursarán o seu período de mobilidade serán Chile (29 alumnos), México (28), Arxentina (25), Brasil (22), EEUU (15), Canadá (4), Uruguai (4), Colombia (2), Malasia (2) e, con 1 alumno cada un, Corea do Sur, Cuba, Ecuador, Xapón, Marrocos, República Dominicana e Taiwán.

O obxectivo desta liña de axudas é favorecer a mobilidade internacional do alumnado das universidades galegas e centros asociados da UNED en Galicia, apoiando economicamente a aqueles alumnos que participan nun programa de mobilidade con países extracomunitarios.

Segundo o Goberno de Galicia, a mobilidade dos estudantes é un importante factor de estímulo para a competitividade do sistema universitario e leva aparellado unha maior riqueza e a apertura a unha formación de máis calidade. Así mesmo, permite ao alumnado participar nalgún tipo de actividade académica ou estudantil nunha institución diferente a súa mantendo a condición de universitario ou universitaria, integrándose nunha comunidade internacional e multicultural que mellorará os seus coñecementos profesionais e lingüísticos así como a súa cualificación.

También te puede interesar