Vigo al minuto

Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo participará nun proxecto internacional para desviar un asteroide da súa órbita

AsteroideUn novo feito histórico para a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo. O equipo coordinado polo profesor Fernando Aguado acaba de asinar un contrato coa Axencia Espacial Europea (ESA) para formar parte de AIM (Asteroid Impact Mission), o primeiro programa sobre defensa espacial da ESA.

Trátase dunha misión tecnolóxica ideada para poñer a proba unha técnica de desviación dun asteroide. En outubro de 2020 lanzarase un pequeno satélite para estudar de preto o asteroide binario Didymos. Con 700 quilos de peso, levará no seu interior dous pequenos satélites de tres unidades de cubesat e varios experimentos para realizar mapas en 3D, incluído un cun sistema que se posará na superficie da lúa do asteroide para tomar mostras e fotografías da superficie, o MASCOT-2.

Trátase da primeira parte dunha misión espacial denominada AIDA que completará a NASA co lanzamento en xullo de 2021 dunha sonda que choque contra esa lúa para tentar modificar a traxectoria da órbita do asteroide e construír modelos de impacto que poidan servir para desviar nun futuro corpos que se dirixan cara a Terra.

O papel da Universidade de Vigo será desenvolver un dos catro conceptos de operación que inclúan tecnoloxía propia do consorcio que deberá levar ante a ESA, que elixirá para a seguinte fase a dous dos proxectos presentados ou integrará diferentes partes dos catro en función da análise das solucións propostas. A intención é que os cubesats, situados a unha distancia de entre 2 e 4 quilómetros do asteroide, se encarguen de analizar os fragmentos de po e rochas que se desprendan tras a colisión (tamaño, forma, densidade…) e a composición mineral dos fragmentos, o que lle dará aos científicos moita información sobre a orixe do asteroide.

También te puede interesar