O vindeiro xoves, día 15, na ‘Quinta da Carmiña’, na rúa do Carme,ás 7 e media da tarde, a Oficina de Dereitos Sociais de Coia presena a ‘Guía de Axudas Sociais’ para que «sirva de ferramenta na loita por conservar e ampliar os dereitos sociais para todas. Queremos que a lean, a reflexionen, a compartan aquelas persoas que padecen con máis dureza o empobrecemento na súa vida cotiá».
O empobrecemento, o desemprego, a precariedade, as pensións de miseria, a cesta da compra que non para de subir, a vivenda entendida como un ben de consumo, «colócannos fronte a serias dificultades para atender as necesidades máis básicas».
Isto fai que «moitas persoas nos vexamos en graves problemas para cubrir os mínimos para a vida: alimentación, vivenda ou saúde», indican dende a Oficina.
Estas situacións, suibliña, obrigan a moitas persoas a acudir aos chamados «servizos sociais» na procura de axuda, solución ou, ás veces, «dese milagre que precisan para satisfacer as súas necesidades básicas».
A Oficina de Dereitos Sociais afirma que a realidade amosa que o que debería de ser un acceso seguro e transparente a un servizo público, «como a sanidade ou a educación» convértese, de feito, nunha «carreira de obstáculos» onde desgraciadamente é preciso ir informada de antemán, coñecer os nosos dereitos, saber o que dicir e o que non se «permite» facer.