4.229 persoas admitidas na bolsa de emprego temporal da Xunta

XuntaUn total de 4.229 persoas inscribíronse este ano na bolsa de emprego temporal da Xunta, segundo recolle a resolución da Consellería de Facenda publicada onte no Diario Oficial de Galicia. Dita resolución inclúe a lista provisional de novos admitidos e excluídos.

Do total de solicitudes presentadas entre o 1 de marzo e o 15 de xullo desde ano, 2.071 corresponden ás listas para o nomeamento de funcionarios interinos dos distintos corpos e escalas, e 2.158 ás listas para a contratación de persoal laboral temporal das diferentes categorías profesionais.

O acceso ao emprego temporal na Administración galega realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou da contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto. A orde de prelación dos aspirantes –cuxas solicitudes se engaden ás xa existentes- vén determinada pola suma de puntuacións atribuídas aos seus méritos.

Centros de servizos sociais

O maior número de contratacións no eido da Administración xeral realízase nos centros de Política Social, en postos de traballo como auxiliar sanitario, coidadores, auxiliares de enfermaría ou coidador xeriátrico. De feito, un total de 618 persoas solicitaron acceder a esta categoría, pertencente ao grupo IV. Hai que ter en conta que os servizos sanitarios, educativos e de Xustiza da Xunta incorporan persoal temporal a través das súas propias bolsas de contratación.

As listaxes provisionais de admitidos e excluídos están a disposición dos interesados, dende este venres, 9 de outubro, no servizo do Rexistro Xeral e Información da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas Oficinas Comarcais da Xunta  e na páxina web da Xunta.

Os interesados disporán de dez días hábiles, contados a partir deste sábado, para solicitar emendas e achegar a documentación xustificativa. Unha vez examinada a documentación, a Consellería de Facenda, a través da Dirección Xeral da Función Pública, dará publicidade ás listas definitivas cunha nova resolución que se publicará no DOG.

También te puede interesar