Galicia

As deputadas do BNG no Congreso piden que se repoñan as paradas na provincia de Ourense do tren Vigo-Madrid

TrenAs deputadas do BNG no Congreso, Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, presentaron unha iniciativa parlamentar na Cámara na que preguntan a Fomento por qué decidiu suprimir o tren Vigo-Madrid que tiña paradas en Ribadavia, Ourense, Monforte e O Barco.

Explican as parlamentares do BNG que a posta en servizo do Eixo Atlántico supuxo a eliminación de moitas paradas e servizos de localidades que antes contaban cun tren e agora carecen de servizos ferroviarios. Unha estratexia, que as deputadas do BNG definen de “corto placista que obvia as necesidades ferroviarias de Galicia”.

Critican ao Ministerio por basear toda a súa estratexia ferroviaria nas liñas AVE, “descoidando ou eliminando liñas convencionais ou servizos de media distanza, tan necesarias nun territorio como Galicia que carece de cercanías”. As parlamentares nacionalistas critican a supresión por parte de Renfe do tren que facía a ruta Vigo-Ribadavia-Ourense-Monforte-O Barco, cara Madrid.

“Como habitúa a suceder no capítulo ferroviario dominado pola obsesión das liñas AVE, unha infraestrutura nova supón a desaparición do existente sen que se ofereza outra alternativa nin se mellore o presente”. As deputadas do BNG denuncian este novo recurte ferroviario que pasa a ser substituido por un tren que parte de Ponferrada a Madrid.

É dicer, “entre Vigo e Ponferrada xa non haberá paradas en territorio galego. Renfe nin siquera ofereceu un tren ponte que permita enlazar en Ponferrada co novo S-121”. Ademáis dun servizo ferroviario menos, “debemos denunciar o oscurantismo do Ministerio que non deu información transparente aos usuarios que simplesmente se atoparon cun servizo eliminado”.

Afirman as deputadas nacionalistas que “á vista de todo isto, está claro que o modelo para Galicia é do máis reduccionista: ficaremos cun mal definido AVE, e un Eixo Atlántico que conecta as principais cidades galegas pero sin ter tren entre poboacións intermedias que contaban antes con servizos de tren”. Alerta o BNG dos perigos de relegar as conexións ferroviarias a liñas de alta velocidade.

Demandan a Fomento que repoña o tren desde Vigo que facía as paradas aludidas ou cando menos que “ofereza aos usuarios un servizo coas mesmas paradas até Ponferrada e alí poder conectar co novo S-121″.

También te puede interesar