Cultura

Comezan os traballos de limpeza no castro de Cano dos Mouros en Viladesuso, en Oia

Xosé Gago (der.) e Carlos Otero (esq.) en Cano dos MourosEste luns iniciose a segunda gran acción arqueolóxica do proxecto ‘Costa dos Castros’. Se durante o mes de agosto os traballos centráronse no castro da Cabeciña (Mougás), agora lle toca a Cano dos Mouros en Viladesuso. Este castro atópase aproveitando un promontorio a aproximadamente 300 metros de altura que domina gran parte da costa de Oia. O tipo de traballos a realizar son diferentes, pero o espíritu é o mesmo: xestionar a gran riqueza arqueolóxica de Oia, da man das Comunidades de Montes deste concello.

“En Cano dos Mouros plantexamos esta limpeza como un primeiro paso” comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto Costa dos Castros. “Antes de nada temos que ver o que hai debaixo do toxo. Logo xa valoraremos en anos futuros se interesa a súa escavación ou non, pero o simple feito de telo limpo, xa facilita que sexa un elemento visitable. Un castro limpo é un castro feliz.”

A un nivel máis arqueolóxico se pretende comprobar as similitudes que puidera ter Cano dos Mouros co castro da Cabeciña, situado a pouco máis de 2 km en liña recta. “A simple vista, pola forma e o emprazamento parecen castros moi semellantes” di Carlos Otero, director arqueolóxico da intervención. “A limpeza vainos permitir comprendelo mellor, poderemos comprobar se a muralla tamén é escalonada como na Cabeciña, por exemplo… A limpeza é necesaria para poder rexistrar as estruturas visibles e facer o plano topográfico.”

Esta primeira acción sobre Cano dos Mouros permitirá polo tanto saber máis sobre as súas características ao tempo que se incide no valor turístico do castro, situado no camiño de sendeirismo da Ruta Máxica e cunhas vistas espectaculares sobre o océano Atlántico.

O proxecto realízase coas premisas da arqueoloxía pública, de aí que se busque involucrar aos veciños. Con ese fin, este sábado, día 26 realizarase unha xornada de portas abertas.

A idea é que a xente poida participar ese día nos traballos de limpeza e se disfrute dunha xornada de traballo mais tamén de lecer. Por iso a partir das 6 e media da tarde haberá visita guiada, gaitas e postos con empanada e cervexa artesá. “Queremos recuperar esa sensación dos traballos comunais do agro” di Gago. “Que a xente suba cunha fouce e un angazo a axudar a limpar o castro. Logo haberá tempo para desfrutar deste lugar máxico e a posta de sol.”

Ao mesmo tempo quérese dotar ao lugar dunha festa propia, unha data que se asocie con subir ao castro. Existe unha lenda arredor dunha das pedras do promontorio no que se sitúa o castro, chamada popularmente “a silla do Rei Sol.” Segundo esta lenda, o Rei Sol sentaría todas as tardes nesa pedra a mirar as postas de sol. “Trátase tamén de potenciar esa lenda. O día da festa acabaremos de entrar no outono, polo que parece axeitado prolongar a xornada ata o solpor, e gozar cunha das postas de sol máis especiais. Queremos despedir o verán e dar a benvida ao outono todos xuntos en Cano dos Mouros.”

A comida dos voluntarios que participen nos traballos de limpeza correrá a cargo da organización. Quen queira máis información sobre a xornada de voluntariado pode contactar por teléfono ao 666435832, escribir a [email protected] ou na páxina de Facebook de Costa dos Castros.

Costa dos Castros é un proxecto promovido por catro Comunidades de Montes (Mougás, Viladesuso, Pedrones e Oia) e apoiado polo Concello de Oia, pero no que todo o mundo pode participar. De aí que se lanzase unha campaña de micromecenado para que cada un poida aportar o seu gran de arena.

Un dos proxectos que máis precisa da axuda de todos é o do petróglifo de Auga dos Cebros, o famoso petróglifo do barco, un elemento único en toda a costa atlántica europea. Este tesouro arqueolóxico atópase na parroquia de Pedornes, unha das máis castigadas polos lumes de 2006, polo que non pode facerse cargo por si mesma desta xoia. “Dentro do crowdfunding sacamos unha liña de axuda directa para este petróglifo. A xente pode aportar 20€ para axudar á conservación deste elemento único e como recompensa recibe unha camiseta cun deseño exclusivo baseado no propio petróglifo” explica Gago.

Ademais da limpeza do petróglifo, outras iniciativas de Costa dos Castros son unha plantación de árbores autóctonas en Mougás e a escavación do castro de Chavella (Oia) que levarase a cabo en outubro.

También te puede interesar