Galicia

A Xunta condenada por atraso “inadmisible e exorbitante” na concesión dunha prestación por dependencia

 XuntaO Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Vigo ven de condenar á Xunta a pagar os atrasos da prestación por dependencia dunha muller por un “atraso inadmisible e exorbitante” na aprobación do seu Programa Individual de Atención, dado que dispoñía dunha proposta neste sentido dende 2011 e tiña dependencia recoñecida dende 2010.

Na sentenza, indícase que a muller dispoñía dun recoñecemento de dependencia de grao II nivel 2 dende decembro de 2010, que derivou nunha proposta de Programa Individual de Atención (PIA) con data novembro de 2011. Este programa aludía a unha prestación de libranza por coidados no ámbito familiar con data de efecto dende abril de 2011.

Posteriormente, no ano 2012, foi revisada a situación de dependencia da muller, clasificándoa nun grao III, nivel 1, e obtivo unha nova proposta de PIA con data febreiro de 2012, recoñecendo atrasos dende abril de 2011.

Non obstante, e ante a ausencia de contestación por parte da Xunta, a muller solicitou en outubro de 2014 o pagamento desta prestación e dos atrasos sen que, polo momento, se ditara resolución de aprobación do PIA.

O tribunal critica que a Administración demandada non dera luz verde á aprobación do PIA dentro do “prazo máximo de tres meses” dende a resolución, cuestión prevista na lexislación; así como que se ampare no ‘silencio negativo’, dado que a cuestión que se analiza non é o recoñecemento mesmo da dependencia, do que xa dispón a muller, senón a súa prestación concreta.

Nos fundamentos de dereito, a Sala asegura que non se trata dun “lixeiro atraso” na aprobación da PIA, que “se puidese xustificar pola preferencia ou prioridade outorgada na tramitación a outros supostos de maior gravidade”, senón que se trata dunha “inactividade inadmisible que se prolongou e se está a manter durante un tempo exorbitante e manifestamente excesivo”.

Ao mesmo tempo, o xulgado recorda que a muller “non ten recoñecido o menor grao de intensidade de dependencia”, nin “tampouco pode negarse efectividade ao seu dereito ás prestacións conforme ao calendario de aplicación progresiva da Lei 39/2006”, a disposición final da cal terceira “recoñece a efectividade das prestacións no caso do grao III dende o ano 2007”.

También te puede interesar