Vigo al minuto

Unha veciña de Coia con dous fillos e unha Risga de 239 €, demanada ao Concello por negarlle a axuda de emerxencia

O vindeiro mércores, ás 10 da mañá, celebrarase un novo xuízo contra o Departamento de Benestar Social do Concello de Vigo, iniciado por unha veciña de Coia, en reclamación contra a resolución pola que se lle denega unha Axuda de Emerxencia Municipal (AEM) para débedas de subministración (luz e gas).

Trátase do segundo xuízo contra este departamento pola cuestión das AEM, o pasado 29 de xaneiro celebrouse a vista na que outra persoa demandaba ao concello pola denegación de dúas AEM.

A solicitude denegada foi presentada o 2 de xullo de 2014 e foi rexeitada o 14 de novembro dese ano, alegando, que a solicitante cobra unha RISGA de 239,03 € e que, segundo o criterio do Departamento de Benestar Social, son uns “ingresos suficientes para afrontar os gastos ordinarios (entre eles a luz e o gas)”. Así se recolle literalmente: “vostede percibe una RISGA dende xullo deste ano e a partir de agora ten que asumir os gastos xerais e suministro da vivenda, xa que son gastos ordinarios”; en segundo lugar se denega a axuda por terse superado a contía máxima que se concede por vivenda e ano para as débedas de subministración.

O recurso contra esta resolución baséase en que, primeiro: non pode admitirse que a unha persoa con dous menores ao seu cargo, de 5 anos e dúas semanas de idade, que conta como únicos ingresos cunha RISGA de 239 € (máis pensión de alimentos), se lle indique dende o Departamento de benestar Social que non ten dereito a percibir máis axuda económica, por considerarse suficiente dita contía mensual para afrontar as súas necesidades básicas, e as da súa familia. Ademais, as bases reguladoras non establecen a percepción da RISGA como circunstancia que impida ou restrinxa o cobro dunha Axuda de Emerxencia Municipal.

En segundo lugar, “non é certo que superase a contía máxima anual para axudas de subministración”, xa que a base 7ª das bases fixa ese máximo (para luz e gas) en 800 €, e a recorrente percibiu durante todo o ano 2014 para eses dous conceptos un total de 519,41 €, “tal e como consta nos expedientes administrativos”.

Por último, “ao terse superado o tempo máximo de resolución deste tipo de axudas, que é de 3 meses, a solicitude tivo que ser estimada por silencio administrativo, xa que o prazo para resolver finalizou o 2 de outono de 2014 e a resolución non se ditou ata o 14 de novembro, sendo notificada o 4 de decembro”.

 

También te puede interesar