Galicia

‘Queremos galego’ convoca unha manifestación para “acabar co quinquenio negro de Feijóo”

O voceiro da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira, e a coordinadora da comisión xestora de Queremos Galego, Susana Méndez, anunciaron este xoves a convocatoria dunha manifestación para o próximo 8 de febreiro en Santiago co fin de acabar co “quinquenio negro” de Feijóo, en referencia á situación que, segundo denuncian, vive a lingua galega tras o decreto de ensino do presidente da Xunta.

Acompañados por representantes das máis de 600 entidades que compoñen Queremos Galego, estes voceiros da plataforma fixeron referencia en rolda de prensa aos datos extraidos do Instituto Galego de Estadística (IGE) con respecto ao emprego da lingua propia en 2013, cifras que “non son moi positivas“.

Tras analizar os datos do IGE, Marcos Maceira anunciou a convocatoria da manifestación, que sairá ás 12 da Alameda de Santiago, e á que chama a asistir a todos os sectores sociais, pero de “forma especial”, ás principais “vítimas da política do presidente da Xunta”.

Haberá un servizo de buses dispoñible para os manifestantes e todos aqueles interesados na convocatoria poden seguir as súas novidades a través da páxina web da plataforma (www.queremosgalego.org).

En concreto, estas persoas máis prexudicadas polo decreto do ensino, segundo o voceiro da plataforma, son os pais “humillados” pola Xunta que queren que os seus fillos teñan competencias mínimas na lingua galega, así como os que lle falan galego e queren que a lingua permaneza viva.

“A escola é un elemento de españolización máis”, reprochou Maceira, quen mencionou que outras das “grandes vítimas” do presidente Feijóo son o colectivo de profesores que, querendo impartir as clases en galego, “non pode impartilas por primeira vez na historia da democracia”.

Con estas palabras referiuse aos docentes que ensinan Física e Química, Matemáticas e Tecnoloxía. Os últimos afectados por este decreto son, dixo, o profesorado “insubmiso, aquel que “mantén a lingua galega” nas súas aulas “a pesar da prohibición da Administración”.

“Temos que facer que a sociedade galega se mobilice para conseguir que o decretazo veña de abaixo”, expresou. O voceiro de Queremos Galego ha engadido que “é o momento propicio” para manifestarse porque hai un “ambiente social a favor da lingua galega”.

O voceiro da plataforma criticou que nos 33 anos de autonomía, a lingua galega pervive nunha “auténtica situación de liberdade condicional”. Segundo explicou, Galicia ten unha “oficialidad aparente” con respecto ao galego, posto que “a lingua galega está excluída e ausente en practicamente todos os ámbitos da vida dun cidadán normal”.

Coa chegada á Xunta de Feijóo en 2009, Maceira denunciou que iniciou a súa actividade “establecendo prexuízos sobre o galego. En concreto, referiuse á anulación da proba de galego que tiñan que facer os funcionarios para acceder ao servizo público e ao decreto do galego no ensino en 2010.

 

También te puede interesar