Vigo al minuto

Vigo acolle a música de ConSentimento no Auditorio Municipal do Concello

Imagen página oficial http://leilia.net/about/?lang=es

Ás 21 horas comeza o espectáculo musical ConSentimento, a cargo de Leilía. A actuación de folk tradicional, de 90 minutos, ten lugar no Auditorio Municipal do Concello. A finais dos 80 deron a coñecer a música tradicional de Galicia, ao son de pandereteiras e voces, convencidas de que o canto galego pola súa singularidade e forza debía ter un espazo propio nos escenarios.

ConSentimento é unha homenaxe a todas as mulleres que fixeron e fan realidade a creación, a conservación e a transmisión da tradición oral galega. Un agradecemento personificado na figura de Eva Castiñeira, unha cantadora, unha pandereteira, unha muller que sementou a arte, cultura e beleza. Este novo traballo conta coa colaboración do músico e arranxista compostelán Xoan Porto; os versos pertencen a varias poetas galegas coma Ana Romaní, Mariña Pérez ou Marilar Aleixandre, entre outras escritoras; e o deseño do espectáculo corre por conta do profesional da escena galega, Quico Cadaval.

A actuación inclúese na programación municipal de artes escénicas, ‘Vigocultura’. A entrada a 8€, pode adquirirse no despacho de billetes do Auditorio, unha hora antes do comezo da sesión; en venta anticipada en servinova.com; no número telefónico, 902.504.500; ou na Central de Espectáculos, situada en Velázquez Moreno nº26.

 

También te puede interesar