Vigo al minuto

A matrícula poderá pagarse en seis prazos na Universidade de Vigo, o curso que ven

A Universidade manterá o próximo curso 2014-2015 a posibilidade de que os alumnos poidan facer o pagamento fraccionado da matrícula nun total de seis prazos, tal e como permitiu dende o curso 2012-2013.

Así o decidiu o consello de Goberno celebrado este venres, onde tamén se aprobou manter o importe fixo de 30 € por gastos administrativos na anulación de matrículas e aplicar un sobre custo dun 10 % cando non se fagan os pagamentos nos prazos establecidos.

Un estudante formulou a posibilidade de manter o pagamento fraccionado cando a un alumno lle sexa denegada a bolsa do Ministerio de Educación, non obstante, a dirección da universidade rexeitou a mesma xa que nalgúns casos se denegaron as bolsas no mes de abril, co que “non hai tempo para fraccionar os pagamentos”.

Neste sentido, o reitor, Salustiano Mato, pediu que o Ministerio informe aos alumnos sobre a concesión ou denegación das bolsas “como tope no mes de decembro”.

Así mesmo, na reunión deste venres tamén se acordou o calendario académico, que dará comezo o próximo 1 de setembro deste ano e finalizará o 31 de xullo de 2015, aínda que con algunhas modificacións en función das necesidades de cada escola e facultade.

 

También te puede interesar