RGPD - Cookies
Galicia

En 101.500 fogares galegos non traballa ninguén e en 34.300 xa non entran cartos

O número de fogares galegos con todos os seus membros en paro incrementáronse un 5,8% no primeiro trimestre do ano, en relación aos tres meses anteriores, ata alcanzar un total de 101.500, de acordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Por provincias, o número de fogares con polo menos un activo e con todos os integrantes en paro aumentou en A Coruña un 9,9% en taxa intertrimestral ata marzo e o total situouse en 38.700. No caso de Lugo, o aumento é do 20,7%, ata un total de 12.800 fogares nesta situación; mentres que Ourense é a única provincia na que se rexistrou un descenso, do 5,3%, ata un total de 10.700. No caso de Pontevedra, son 39.200 os fogares con todos os seus membros en paro, un 1% máis que no trimestre anterior.

Os datos do IGE amosan, tamén, que a taxa de paro entre os mozos de 16 e 29 anos, se situou no 40,2%, dous puntos e dúas décimas máis que no trimestre anterior. En concreto, na franxa de idade entre os 16 e os 24 anos, a taxa situouse no 49,5%, fronte ao 50,1% do trimestre anterior; e na poboación de entre 25 e 29 anos subiu dende o 31,2% ao 35%.

A taxa de paro entre os homes de entre 16 e 29 anos de idade situouse no 41,3% no primeiro trimestre do ano, un punto máis que nos tres meses anteriores. No caso das mulleres, o paro aumentou máis de tres puntos e medio, dende o 35,5% ata o 39,1%.

Nas sete maiores cidades galegas a taxa de paro incrementouse no primeiro trimestre do ano, en relación ao trimestre anterior, salvo en Pontevedra -onde pasou do 27,7% ao 22,1%- e en Ferrol -onde pasou do 30,7% ao 29,2%-. En A Coruña, a taxa pasou do 17,2% ao 18,3%; mentres que en Lugo subiu do 18,8% ao 21,3%; e en Ourense incrementouse do 22,3% ao 22,9%.

No caso da capital galega, a taxa de desemprego situouse no 20,7% no primeiro trimestre, fronte ao 18,8% dos últimos tres meses de 2013. Por último, en Vigo pasou do 23,8% ao 24,6%.

 

También te puede interesar