Ábrese o prazo para solicitar o cheque-infantil para garderías

A Consellería de Traballo e Benestar abre este sábado o prazo para solicitar o cheque infantil co que se prevé financiar este ano unhas 1.100 prazas de 0-3 anos en escolas infantís privadas destinadas a aquelas persoas que non resultasen adxudicatarias dunha praza pública, ou ben para aquelas familias que residen nunha localidade na que non existen instalacións sostidas con fondos públicos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres a orde de axudas que está dotada para o curso 2014-2015 cun orzamento de 1,8 millóns de euros, 400.000 € máis que o exercicio pasado.

A contía a percibir varía en función da renda, e oscila entre os 45 € mensuais e os 250 € no caso da xornada completa con comedor. Por esta razón, o número total de beneficiarios pode variar en función de cal sexa a renda das familias que soliciten cada ano estas axudas.

Unha vez concedida, só se pode variar o tipo de servizo solicitado polas seguintes circunstancias, sempre que sexan xustificadas: pasar a situación de desemprego ou outros motivos laborais; enfermidade grave dos pais, nais ou representantes legais; ou situación de nulidade, separación ou divorcio.

Esta convocatoria de axudas consolida o cambio iniciado na orde publicada en 2012. Desde ese curso os pais e nais poden elixir sen restricións o centro no que matriculan aos seus fillos, xa que son agora as familias as que perciben directamente esta contía a través dun bono mensual.

No acceso ás axudas, seguirán tendo prioridade aqueles nenos e nenas que xa tiveran concedida a axuda no curso pasado, de xeito que se poida dar continuidade á súa escolarización, se seguen cumprindo os requisitos da orde.

Con respecto aos novos solicitantes, mantéñense os criterios da orde de cursos pasados: poderán pedir a axuda aquelas persoas con nenos e nenas de 0 a 3 anos que tiñan solicitado praza pública e non resultaran adxudicatarios, sempre e cando exercesen a opción polo cheque infantil cando a solicitaron. Tamén terán dereito a esta subvención aquelas persoas que residan en localidade onde non existan escolas infantís de 0 a 3 anos sostidas con fondos públicos.

Na orde enténdese como prazas sostidas con fondos públicos aquelas dependentes directamente da rede da Xunta, das corporacións locais ou ben aquelas de iniciativa social que son subvencionadas polo Goberno galego.

Este ano, vanse manter os mesmos prazos de presentación de solicitudes cos do ano pasado, co obxectivo de que se consoliden esas datas para que as familias poidan ter unha previsión dos prazos anuais da convocatoria e de que as resolucións estean listas no mes de xullo.

 

También te puede interesar