Galicia

O Partido Popular rexeita que se pidan contas ao Goberno sobre os 8.000 millóns ‘perdidos’ en NGB

O Partido Popular rexeitou este venres apoiar unha iniciativa do grupo parlamentario dos socialistas na que instaba a que a Xunta pedise explicacións ao Goberno central polos 8.000 millóns de euros de diñeiro público perdidos’ na venda de Novagalicia Banco a Banesco, xa que considera que foi unha poxa “transparente”, mentres que a oposición -AGE,PSdeG e BNG- coincidiu en advertir de que o banco venezolano “non ten diñeiro nin para afrontar o primeiro pagamento para o cal busca socios”.

Na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos, o voceiro parlamentario do PPdeG xustificou o rexeitamento a esta “sorprendente” iniciativa dos socialistas pois entende que o proceso de venda de Novagalicia Banco foi “público e transparente mediante unha poxa”. Pedro Puy Fraga salientou  que “Banesco gañou porque presentou a mellor oferta, que propoñía pagar un 50 % máis que a segunda oferta e porque “superaba á seguinte poxa en máis de 200 millóns de euros”.

O socialista Juan Carlos González Santín acusou o Goberno de “transformar as caixas galegas nun banco venezolano” e de que, ao seu parecer, a entidade perdera o seu galeguidade, posto que “parece claro que ata a palabra Novagalicia desaparecerá do nome”.

Pedro Puy apuntou que “cada un saberá o que entende por galeguidade”, pero xustificou a galeguidade da entidade ao estar “radicada en Galicia, sendo das principais entidades de Galicia e traballando na economía galega”.

O voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, recriminou que coa venda de Novagalicia Banco só se vai recuperar “o 8 % do diñeiro público invertido”, xa que dos 9.000 millóns de euros achegados polo Estado, “só se recuperarán 722 millóns”, segundo o Banco de España, a quen citou para asegurar que dos máis de 1.000 millóns que vai poñer Banesco, “hai que restar os 275 millóns que saen do FROB” para compromisos como as denuncias de afectados por preferentes.

De feito, Jorquera cifrou as perdas de diñeiro público en 8.253 millóns de euros. Ademais, referiuse a informacións que sinalan que “o comprador aínda está a buscar fórmulas para o financiamento do primeiro pagamento de 313 millóns de euros” do plan de pagamentos acordado co FROB.

 

También te puede interesar