Cultura Vigo al minuto

Diego Romero, director de fotografía, e ‘Morris’, presencia viguesa na película ‘A Esmorga’

Diego Romero Suárez-Llanos, director de fotografía de 'A Esmorga', este xoves durante a rodaxe en Ourense/Tresyuno Comunicación

Deixou Vigo para irse a Londres, dende alí a Filipinas,onde coñecín a uns hindúes que facían cine”, acabou traballando en Estados Unidos e agora é o director de fotografía de ‘A Esmorga’, a película baseada na novela de Eduardo Blanco Amor que está a rodar Ignacio Vilar.

Así resume Diego Romero Suárez-Llanos, a súa traxectoria profesional, que discurriu polo cine europeo, asiático e norteamericano e que, por primeira vez traeuno a traballar “á Península Ibérica”, como comenta Ignacio Vilar.

Este vigués móvese con calma polo ‘plató’ da rodaxe deste filme, na Praza da Imprenta, en Ourense, diante dun edificio, baleiro -que ten que pasar por unha casa de putas- agardando a que esté terminado todo o artellado da iluminación.

A rodaxe desta película non lle parece máis complicado que a doutras nas que foi o responsable da fotografía e tampouco amosa unha emoción especial por rodar en Galicia, “estiven este verán en Vigo…agora veño máis, pero pasei moito tempo sen voltar”. Aceptou o traballo porque un amigo común o puxo en contacto con Ignacio Vilar, “quedamos, falamos, quedamos de novo e dixen que si”, comenta. Sobre a posibilidade de traballar aquí ou quedar a vivir en Vigo, non hai dúbidas, “marchei porque estaba canso…e ademáis cando estou nun sitio máis de tres meses, abúrrome…por iso cambio tanto de lugar…”, “eso mola”, decímoslle, “sí pero é moi cansado”, contesta, “pero mola máis que cansa”, insistimos… e cede: “é verdade, mola máis que cansa”.

Morris, xunto a outros actores, nun descanso da rodaxe/Tresyuno Comunicación

Xunto con él, na rodaxe, que xa entrou no frio e está entrando na madrugada, hai outro vigués, Antonio Durán, ‘Morris’, que interpreta a ‘Milhomes’. Baixo un paraugas enorme que tapa os focos da choiva, que arrecia e para, comenta que o traballo “vai moi ben”. Sobre A Esmorga advirte que “mal vamos se pretendemos facer unha comparación entre o libro e a película, son linguaxes distintos…dous xeitos de contar as cousas…ainda que sempre que unha palícula baséase nunha novela hai esa tentación inevitable de mirar a unha e a outra”.

Nos ensaios de cámara, que se repiten, ‘Morris’ deixa de ser él e faise ‘Milhomes’, agarrado por Karra Elejalde- ‘Bocas’-, “ollo, Piolla, a min no me falta ao respeto ningunha pendanga”.

Entre toma e toma, ainda temos tempo para falar algo con Ignacio Vilar- se cadra o terceiro vigués da rodaxe á vista do tempo que leva xa na cidade- que amósase encantado de poder rodar na Capela do Santo Cristo, na catedral de Ourense, “algo inaudito…e que é esencial na película…de feito Blanco Amor empeza a trama da Esmorga porque, sendo cativo ve, dende a casa na que vivía na Praza Maior, unha pelexa durante unha procesión…imaxinade, alá por 1920…e máis tarde escribe un relato no que o protagonista esnaquiza o Cristo”…coincidimos en que quen deu o permiso non leu A Esmorga, “non”, rí.

A escena está terminada…e vale. Ainda quedan horas de rodaxe…non para nós, xa é madrugada e ainda temos que voltar a Vigo. Despedímonos…ata o día de Ribadavia, “na Papuxa”, repite Ignacio, “unha taberna que ainda conserva o chan de terra”…e vámonos polo casco vello de Ourense sen que se nos quite a canción que repetían ‘Bocas’, ‘Milhomes’ e ‘Cibrán’…” pasei pola túa porta, ollei pola pechadura, chamei pero non abriches, corazón de pedra dura”.

 

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.