A convocatoria de 2014 do Plan de Práctica Laboral da Deputación abrirase a novas titulacións

O presidente da Deputación anunciou este xoves que a segunda fase do Plan de Práctica Laboral no sector privado realizarase no primeiro trimestre de 2014, cunha convocatoria para a incorporación de novas empresas, e outra para que poidan incorporarse ao plan mozos e mozas de novas titulacións.

Os admitidos neste primeiro plan que non conseguiron praza, non terán que volver presentar solicitude, pero abrirase a lista a novas incorporacións. Preténdese así dar resposta á demanda de titulacións que presenten as novas empresas e darlle cabida ao maior número posible de mozos e mozas pontevedreses que, pese a contar cunha extraordinaria formación, nunca tiveron ocasión de traballar na súa especialidade.

Así llo comunicou Rafael Louzán aos 174 titulados de distintas especialidades que hoxe elixiron empresa no marco do II Plan de Práctica Laboral e cos que se completan as 500 prazas ofertadas nesta primeira fase.

Louzán destacou que o éxito deste primeiro plan de colaboración público-privada, que permitirá que o día 30 de decembro entren a traballar en empresas de toda a provincia medio milleiro de pontevedreses altamente cualificados, animou á Deputación a poñer en marcha unha segunda fase, “porque o prioritario son as persoas”.

O presidente da Deputación incidiu en que “é unha satisfacción poder darlle esa primeira ocupación a 500 persoas que levades moito tempo nunha situación de desemprego, que nunca tivestes unha oportunidade laboral e que grazas a esta iniciativa a ides ter”.

Por iso, pediu a “implicación” de bolseiros e empresas para que “poidades estar nese posto de traballo todo o 2014 e que poidades continuar no 2015 e seguintes”.

34 últimas titulacións

Os 174 bolseiros que hoxe elixiron empresa pertencen a 34 novas titulacións, sendo as prazas máis numerosas nesta xornada as das licenciaturas de Psicoloxía, Xornalismo, Enxeñería Industrial e Enxeñería Técnica Industrial en Mecánica, con 10 bolsas cada unha, seguida de Publicidade e Relacións Públicas, con 9 prazas, e Enxeñería Informática con 8 prazas.

Tamén elixiron empresa os titulados de Enxeñería Industrial en Electricidade, Grao en Nutrición Humana e Dietética; licenciaturas en Ciencias Ambientais; Ciencias Biolóxicas; Ciencias do Mar; Comunicación Audiovisual; Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; Filoloxía inglesa; Tradución e interpretación; Socioloxía; Pedagoxía; Belas Artes; Ciencias Químicas; Psicopedagoxía; Veterinaria; os graos de Conservación e Restauración de Bens Culturais (Arqueoloxía); Xestión e Administración Publica; Deseño Téxtil e Moda; Enxeñería Técnica Forestal; Diplomatura en Empresas e Actividades Turísticas; Enxeñería Técnica Industrial en Instalacións e Construcións; Diplomatura en Turismo; Enxeñería Técnica Industrial en Electrónica; Enxeñería Técnica Agrícola; Enxeñería Técnica en Informática de xestión; Enxeñería Técnica en Informática de sistemas e Enxeñería Técnica Industrial en Electricidade.

 

También te puede interesar