Nunca Maís chama a manifestarse este domingo, día 1, contra a “sentenza inxusta” do Prestige

Nunca Máis chamou aos cidadáns a participar nas manifestacións que se celebrarán o próximo domingo, día 1 de decembro (en Vigo ás 12 na Praza de España) “en contra da sentenza inxusta e amarga” do Prestige, que “abre as portas á impunidade”.

Nunha roda de prensa celebrada este venres e na que estiveron presentes representantes de diferentes colectivos sociais, os voceiros da plataforma salientaron que Galicia debe “rebelarse e dicir que non cabe impunidade” ante unha marea negra que “ten os seus responsables nos que tiñan responsabilidades directas nese buque que navegaba fronte ás costas galegas”.

“Hai responsables da armadora, da aseguradora, da sociedade de clasificación, pero tamén hai responsabilidades políticas por parte de quen ocupaba en aquel momento labores de goberno, tanto no Executivo estatal como por parte da Xunta”, aseguraron.

Neste sentido, subliñaron que a plataforma Nunca Máis presentará un recurso de casación ante o Tribunal Supremo e “seguirá todas as vías xurídicas necesarias para que os responsables non queden impunes. Chegaremos a Estrasburgo, chegaremos aos tribunais europeos a buscar a xustiza que hoxe non nos dá o Estado español”.

 

También te puede interesar