RGPD - Cookies
Comarcas

A Deputación propón reducir, como mínimo, un 40% a factura eléctrica dos concellos con novas caldeiras de biomasa

Substituír por caldeiras de biomasa as 102 caldeiras de gasóleo que abastecen de calefacción e auga quente sanitaria a outras tantas instalacións de titularidade municipal permitiría aos concellos aforrar un mínimo do 40% da súa factura enerxética, ademais de reducir en 2 gigawatios a enerxía consumida e eliminar a emisión de 3.000 toneladas de CO2 á atmosfera.

Uns obxectivos ambiciosos que poden acadarse cun procedemento sinxelo e sen custe para os concellos, se estes se suman ao proxecto que a Deputación Provincial lle vén de presentar esta mañá aos 54 alcaldes e técnicos municipais de concellos de menos de 50.000 habitantes que na actualidade utilizan caldeiras de gasóleo.

O presidente do organismo provincial, expúxolles aos rexedores locais o exhaustivo estudo realizado pola Administración provincial, segundo o cal a substitución das 102 caldeiras suporía un aforro mínimo de 800.000 € ao ano.

Sen investimento por parte dos concellos

Rafael Louzán subliñou que a substitución das caldeiras non requirirá de investimento por parte dos concellos, dado que o asume directamente a Deputación por dúas vías: por medio da colaboración co INEGA e con financiamento privado a través da adxudicación do proxecto a unha empresa de servizos enerxéticos por medio de concurso público.

Este é o mesmo modelo que se está a aplicar en Príncipe Felipe, onde se instalaron dúas caldeiras de biomasa que se abastecen de astilla e que os rexedores municipais tamén tiveron ocasión de visitar esta mañá para comprobar o seu funcionamento.

Segundo subliñou o presidente, o plan de eficiencia enerxética de Príncipe Felipe, que foi adxudicado á empresa Valoriza, está supoñendo uns aforros de entre o 60 e o 70% da factura e a intención é estender este modelo ao Pazo Provincial e ao Edificio Administrativo e, posteriormente, a todos os inmobles da Deputación.

A capacidade de aforro das caldeiras de biomasa foi corroborada polo rexedor local de Coca (Segovia), Juan Carlos Álvarez, que lle expuxo aos alcaldes as vantaxes acadadas no seu concello coa substitución das caldeiras de gasóleo por outras de biomasa; e polo presidente da Asociación Española para a Valorización Enerxética da Biomasa (AVEBIOM), Javier Díaz González, que lembrou que, ademais das vantaxes ambientais e de aforro económico, a aposta pola biomasa é tamén un camiño idóneo para reducir o déficit das administracións públicas (ao reducirse a dependencia externa) e para a xeración de emprego local.

No caso do concello de Coca, a substitución de 8 caldeiras permitiulles un aforro do 86% da factura enerxética, ademais de poñer en valor os seus montes (de titularidade municipal), dado que toda a astilla que consumen as caldeiras é de produción propia.

Xeración de emprego local

Este foi precisamente un dos factores nos que tamén incidiu o presidente da Deputación, ao lembrar que Pontevedra é unha das provincias con maior potencial forestal de España e, en consecuencia, con mellores condicións para a xeración de biomasa e, non entanto, sitúase “en postos de cola” no uso deste tipo de enerxía.

Por iso, reiterou na necesidade de que as administracións dean exemplo para sacarlle proveito a “un recurso que temos no entorno no que vivimos, que é o monte e que se está desperdiciando”.

Neste sentido, lamentou que nestes momentos o subministro de astilla teña que vir de Lugo e amosouse confiado en que, co proxecto que lidera a Deputación, active a posta en valor do monte, dado que a biomasa xera 135 postos de traballo local por cada 10.000 habitantes, fronte aos 9 que xeran as enerxías fósiles.

 

También te puede interesar