Galicia

A Xunta anuncia a posta en marcha de servizos integrais de apoio a familias adoptantes

A Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha por primeira vez, ao longo desta lexislatura, servizos integrais de apoio e formación continua ás familias adoptantes para que conten con acompañamento durante todo o proceso. Ata o de agora, esta axuda cinguíase á primeira fase da adopción.

Así o anunciou este venres Beatriz Mato, durante a súa participación no VII Congreso Internacional AFIN “A 10 anos do boom da adopción: abrindo novas perspectivas”.

Mato indicou que, deste xeito, as familias adoptantes de Galicia poderán contar por primeira vez con apoio nas tres frases do proceso: na primeira, que vai desde que se toma a decisión ata que se recibe a declaración de idoneidade; a segunda, que abrangue desde o punto anterior ata que se recibe ao fillo ou filla; e a terceira, e última, que ten lugar cando o menor xa está na familia.

Para conseguir impulsar este acompañamento, xa se ten reforzado e aumentado a duración dos cursos para as familias solicitantes, un aspecto que se corresponde á primeira fase. A isto engadirase un novo programa específico de formación e apoio ás familias en espera de adopción (segunda fase); e, ademais, establecerase un servizo de asesoramento postadoptivo para axudar na integración e desenvolvemento dos menores (terceira fase).

A maiores desta novidade, a conselleira adiantou tamén que se vai seguir traballando en mellorar os procesos de adopción internacional, a través da potenciación da coordinación coas ECAIs (Entidades colaboradoras de adopción internacional) co obxectivo de mellorar a eficacia na xestión destes trámites.

En 2010 púxose en marcha o Portal galego de adopcións, unha ferramenta que facilita datos e información, senón que tamén permite a xestión telemática de partes do proceso. Ao longo de 2012, producíronse un total de 185 adopcións en Galicia, das que 49 foron de carácter nacional e 136 foron internacionais.

 

También te puede interesar