Vigo al minuto

@s vigues@s xa poden vacinarse contra a gripe en 150 puntos da área sanitaria da cidade

A área de Vigo contará na campaña de vacinación, que empezou este luns, con 150 puntos onde poden ser atendidas aquelas personas que deban poñerse a mencionada vacina. Os mesmos están repartidos entre centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados.

A Consellería de Sanidade adquiriu para toda Galicia un total de 590.000 doses -560.000 doses de vacinas antigripais e 30.000 doses de vacina antipneumocócica- que se distribuirán por máis de 900 puntos de vacinación.

Este ano, destinará en Galicia un orzamento de 2.276.328 euros á campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo, cun aforro de 631.564 euros con respecto do pasado exercicio, grazas á compra centralizada das vacinas xunto con outras Comunidades.

A campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo 2013, que durará máis de oito semanas, está destinada a todas as persoas que teñan 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos de risco da antigripal as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

Inclúense tamén na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais de toda a provincia de Pontevedra, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves; e os viaxeiros internacionais.

Deste xeito, e coma obxectivos específicos, dende a Consellería de Sanidade preténdese conseguir unha cobertura da poboación que estea en torno ao 65% para a vacinación antigripal e superior ao 30% para a vacinación antipneumocócica.

Entre as previsións do presente ano 2013, destaca o especial fincapé que Sanidade fará na vacinación do persoal sanitario. A Consellería salienta a importancia deste obxectivo preventivo, pois ademais do beneficio individual para os profesionais, redúcense as posibilidades de transmitir a enfermidade ás persoas que coidan ou atenden.

Os obxectivos específicos son, por tanto, acadar unha cobertura vacinal entre os traballadores de Atención Primaria e Atención Especializada da área sanitaria superior ao 35%, e máis do 65% no persoal que traballa en unidades de risco hospitalarias (como UCI´s, Oncoloxía e Urxencias).

Para esta campaña vacinal se utilizarán dúas vacinas: unha -de tipo intramuscular- para a poboación xeral; e outra -de tipo intradérmico- indicada para poboación maior de 75 anos ou que viven en residencias, que induce unha mellor resposta defensiva. Segundo o Sergas, “ambas vacinas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras”.

@s interesad@s en vacinarse na área sanitaria de Vigo deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación habitual, onde lles informarán de cómo e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.

A Consellería de Sanidade lembra á cidadanía que a vacinación durará máis dous meses e hai tempo suficiente para facela progresivamente. Por isto, solicítase á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial da provincia, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.

Balance da campaña do 2012

Na área de Xestión Integrada de Vigo administráronse na campaña de 2012 un total de 73.790 doses antigripais, das que 49.796 delas foron destinadas a maiores de 65 anos, acadando unha cobertura do 46%. En persoas de entre 60 e 64 anos, o número de doses administradas foi de 6.681 doses, cunha cobertura do 19,6%.

Con respecto da vacina antipneumocócica, na campaña do pasado ano na área de Xestión Integrada de Vigo rexistráronse 5.293 doses, das que 815 foron para a poboación de 65 anos, o que representa unha cobertura do 12%.

No que respecta á cobertura do persoal sanitario dos centros de Atención Primaria -incluíndo ao persoal doutros centros sociosanitarios- foi dun 41,5%, mentres que nos centros de Atención Especializada foi do 16%.

 

También te puede interesar