Galicia

Os voluntarios de Protección Civil de Galicia, todos iguais

A Xunta de Galicia acaba de sacar a exposición pública o borrador do decreto polo que se homoxeinizará a vestimenta profesional dos voluntarios de Protección Civil da comunidade, dos seus distintivos e acreditacións e dos rótulos de vehículos e equipos que empreguen. Este ‘lifting’ na imaxe deste servizo que deixará unha imaxe corporativa única e homoxénea pretende facilitar a identificación de todos os membros de Protección Civil por parte da cidadanía.

En canto á vestimenta, o persoal terá dous tipos de uniforme, un de traballo e outro de gala. No caso do uniforme de faena, estará composto dun conxunto de prendas perfectamente deseñadas para traballar en situacións de especial risco (intervención en incendios, contacto con substancias perigosas,…), polo que deberá cumprir cos parámetros de seguridade e visibilidade establecidos pola normativa vixente. O uniforme de gala contén características máis axeitadas para actos de representación e similares.

A vestimenta contará tamén cunha serie de insignias e distintivos que varían segundo o persoal pertenza á escala básica, á executiva ou á escala superior. Os uniformes estipulados tan só deberán utilizalo o persoal voluntario de protección civil e durante o desempeño do seu traballo como tal. Os voluntarios contarán ademais cun carné identificativo cunha fotografía, un número de identificación, a agrupación e o concello ó que pertence, o logo da Xunta e o escudo de protección civil.

No que atinxe aos equipos de mobilidade (xa turismos, furgonetas, todoterreos, motos, embarcacións,…) tamén deberán cumprir coas características e especificacións técnicas vixentes.

A partir da entrada en vigor do Decreto, as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil disporán dun prazo de catro anos para adaptarse e incorporar os cambios establecidos.

 

También te puede interesar