Galicia

A facturación da industria descendeu preto dun 9% e os pedidos un 15,9%

A cifra de negocios da industria e a de pedidos rexistraron taxas negativas en agosto, con descensos do 8,6% e do 15,9%, en relación ao mesmo mes do ano pasado, repectivamente, de acordo cos datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste modo, a cifra de negocios volve a datos negativos tras catro meses consecutivos de incrementos, despois de rexistrar a súa última baixada no mes de marzo. Pola súa parte, os pedidos, que recuperaran en xullo taxas en positivo volven botar un decrecemento no oitavo mes do ano.

No conxunto do Estado, a cifra de negocios da industria descendeu un 9,6% en agosto respecto ao mesmo mes de 2012, mentres que as entradas de pedidos do sector retrocederon un 5,4% en taxa interanual.

O INE indica tamén que a variación respecto a xullo rexistrada en Galicia mostra unha caída do 29,1%, pero a media no que vai de ano se sitúa nun 0,8% en positivo. En canto á entrada de pedidos, caeron un 27,8% en relación a xullo e a media no que vai de ano sitúa o descenso no indicador no 1,4%.

Co dato de agosto, a facturación da industria e as entradas de pedidos en España regresan a valores negativos despois de rexistrar aumentos interanuais do 0,4% e do 1,5%, respectivamente, durante o pasado mes de xullo.

Así, a cifra de negocios da industria empeorou en agosto a súa taxa interanual en dez puntos respecto ao mes de xullo, en tanto que os pedidos do sector rexistraron unha taxa interanual case sete puntos inferior á do mes anterior.

Corrixido o efecto calendario e a estacionalidade, a cifra de negocios da industria descendeu un 7,1% en agosto en taxa interanual, empeorando en máis de cinco puntos o rexistro de xullo (-1,8%), mentres que os pedidos do sector baixaron un 3,1%, fronte ao -0,7% do sétimo mes do ano.

Por sectores industriais, todos eles presentaron taxas anuais negativas de facturación en agosto, especialmente a enerxía (-19,3%), os bens de consumo duradeiro (-18,2%) e os bens intermedios (-10,2%). Os bens de equipo, polo seu lado, recortaron un 6,8% a súa facturación e os bens de consumo non duradeiro, un 4,8%.

 

También te puede interesar