Galicia

@s galeg@s superamos a media estatal en uso de dispositivos móviles

O 30,5% dos fogares galegos con servizo de Internet contratado dispón de conexión móbil de banda larga a través dun dispositivo móbil e un 12,5% vía módem USB ou tarxeta, a través de ordenadores portátiles.

En ambos casos Galicia supera a media estatal, 3,6 puntos porcentuais no caso da conexión a través dun dispositivo móbil e en 2,1 puntos se a conexión móbil se realiza vía módem USB ou tarxeta. A pesar da significativa presenza da conexión móbil nos fogares galegos, o ADSL segue a ser a principal tecnoloxía de acceso á Rede contratada en Galicia (58,5%)

Son datos recollidos no informe temático “Internet e Banda Larga nos fogares galegos”, publicado este sábado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O estudo indica tamén que o 64,8% dos usuarios galegos de Internet nos últimos tres meses utilizou algún tipo de dispositivo móbil para acceder a Internet fóra da vivenda habitual ou centro de traballo, superando en 8,8 puntos porcentuais a media estatal. Os dispositivos máis usados son denominados “de man” (teléfonos móbiles, PDA,reprodutores de mp3/mp4, lectores de libros electrónicos, etc.), empregados polo 49,1% dos usuarios de Internet, mentres que ordenadores portátiles (entre os que se inclúen os tablets) son empregados polo 43,7% dos internautas.

As conexións sen fíos (WiFi, basicamente) son as máis utilizadas para os accesos en mobilidade no seu conxunto (51,7% dos usuarios), mentres que a rede de telefonía móbil é a elixida polo 42,6% dos internautas.

Entre os servizos de Internet usados por motivos particulares nos últimos tres meses cun dispositivo móbil destacan: recibir/enviar mensaxes de correo electrónico (75,1%), participar en redes sociais (68,5%), ler ou descargar noticias, xornais ou revistas de actualidade en liña (65,5%). A lectura ou descarga de libros electrónicos é a actividade menos habitual. O 45,8% das persoas ocupadas que accederon a Internet utilizando un ordenador portátil ou un dispositivo de man fóra da súa vivenda habitual ou centro de traballo nos últimos tres meses, declara que realizou tarefas de tipo profesional.

De entre os fogares galegos que non dispoñen de acceso a Internet, unha ampla maioría apunta como causa desa carencia que perciben que “non o necesitan” (45,3%). Cuestións económicas, como o prezo da conexión ou dos equipos, son factores a ter en conta para un 34,2% dos fogares galegos que non teñen Internet. Hai outros aspectos, como a falta de coñecementos para utilizalo, que serve de argumento para un 25,6%

 

También te puede interesar