Galicia

Besteiro inicia a súa campaña para liderar aos socialistas de Galicia

José Ramón Gómez Besteiro iniciou esta medianoite a súa campaña para a secretaría xeral do PSdeG cun calendario de dez días repleto de máis de 50 actos pequenos, próximos e a pé de rúa para “volver estar coa xente” nas catro provincias despois de varios meses percorrendo Galicia. O protagonismo da campaña de Gómez Besteiro neste proceso de renovación interna do PSdeG “será para o militante como cidadán e como representante da sociedade galega”. Nesta liña, hoxe ás 00.00 horas visitou a varios militantes que teñen que estar dispoñibles na garda nocturna dos servizos públicos de emerxencias como o de urxencias, ou o de limpeza cidadá.

“Os problemas da militancia son os problemas dos galegos. O PSdeG no que eu creo volve á rúa para que o partido e o militante estean abertos á sociedade e o cidadán se apoie no partido”, explicou Gómez Besteiro, quen reivindica a importancia do proceso interno do PSdeG “non como un fin en si mesmo, senón como medio para acadar a xustiza social e resolver os problemas das persoas e do noso país”. Desde hoxe e ata o vindeiro 7 de setembro, cando se celebrará a consulta á militancia para elixir o vindeiro secretario xeral do partido en Galicia, Gómez Besteiro terá máis de 50 encontros con militantes nas principais cidades e vilas galegas, e cada día visitará ademais un militante no seu entorno profesional ou persoal para “darlle visibilidade á realidade das persoas e propoñer outro xeito de facer as cousas”.

“Desde o PSdeG debemos facer o que nunca fará o goberno de dereitas de Feijóo. Nós imos demostrar que somos a única alternativa crible e sólida de goberno en Galicia capaz de construír un modelo de progreso social e económico distinto ao actual desde o compromiso, a coherencia  a responsabilidade”, afirma Gómez Besteiro. “Non hai vento favorable para o que non sabe onde vai. Núñez Feijóo non ten proxecto de país e cada vez máis galegos se preguntan: despois desta dereita, que quedará en pé en Galicia?”, conclúiu.

Ao longo destes dez días, o socialista volverá expoñer as súas propostas orgánicas e de rexeneración democrática para o partido e de renovación nos temas clave para Galicia -xa presentadas diante da militancia durante os últimos meses- xunto a alternativas para os problemas dos militantes que simbolizan e representan os problemas de todos os galegos. Este percorrido comezará en Lugo, a capital máis antiga de Galicia, e rematará en Santiago de Compostela.

En paralelo, Gómez Besteiro continuará empregando as novas tecnoloxías para manter o contacto que iniciou hai xa nove meses coa militancia socialista e que lle impulsou a percorrer máis de 10.000 quilómetros polas agrupacións locais de Galicia. As máis empregadas serán as redes sociais Twitter  – @jrgomezbesteiro -, ademais do seu blog en Tumblr  – gomezbesteiro.com – e Instagram. Outra canle de comunicación segue a ser o seu correo electrónico: [email protected]

 

También te puede interesar