Comarcas

336.624 € para que 33 concellos de Pontevedra inicien programas contra o fracaso escolar

A Consellería de Educación ven de aprobar que se detinen 336.624 € para que 33 concellos da provincia de Pontevedra desenvolvan programas contra o abandono e fracaso escolar. A Consellería financia ata nun 80% o custe destas actividades, sendo os concellos os que asumen a cantidade restante.

Os concellos que recibiron axudas da Xunta para a redución do abandono e fracaso escolar na provincia de Pontevedra neste ano 2013 foron: Arbo, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Cañiza, Catoira, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Guarda, Illa de Arousa, Marín, Moaña, Mondariz, Mos, Ponte Caldelas, , Ponteareas, Pontecesures, O Porriño, Redondela, Rodeiro, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.

A nivel galego, a Xunta destina 1.697.517 € para que 144 concellos desenvolvan estes programas dos que, segundo salienta a consellería, favoreceranse 50.000 escolares galegos que entrarán nun programa que inclúe 554 actividades diferentes de apoio e reforzo educativo.

Segundo a orden de axudas, as actividades van destinadas ao alumnado de terceiro e cuarto de educación secundaria ou de programas de cualificación profesional inicial (PCPI) en risco de exclusión social, aquel que presenta altos índices de absentismo ou o que ten un elevado fracaso escolar. Ademais, tamén van dirixidas a mozos e mozas de entre 16 e 24 anos que abandonaron o sistema educativo sen acadar a titulación de graduado en educación secundaria obrigatoria ou superior.

A finalidade deste programa e propiciar que o alumnado que abandonou o sistema educativo poida continuar estudos de Bacharelato ou de Formación Profesional de Grao Medio; atender aos alumnos con menor motivación e capacidade para aprender, de xeito que se lle ofrezan respostas adaptadas ás súas posibilidades e intereses, coa finalidade de diminuír o risco de abandono ou desinterese e de prepararse para as probas de graduado en ESO.

Asemade, trata de mellorar a adquisición das competencias básicas no alumnado en risco de abandono escolar; favorecer a atención educativa dos colectivos máis vulnerables, como o alumnado inmigrante ou o alumnado en risco de exclusión social; e impulsar a coordinación entre organizacións e institucións do contorno para diminuír a taxa de abandono.

Actividades a subvencionar

Esta orde de axudas subvenciona todos aqueles que contemplen algunha destas actividades: creación de puntos de información e asesoramento educativo a nivel municipal; establecemento de talleres de recuperación do alumnado de secundaria que presenta malos resultados académicos ou desmotivación para o estudo; habilitación de aulas de preparación de probas libres de Graduado en educación secundaria ou de probas de acceso a ciclos de Formación Profesional; creación de escolas de familias con alumnado en risco de abandono ou de exclusión social; e desenvolvemento de actividades de formación non regulada que favorezan a reincorporación de mozos e mozas ao sistema educativo.

Así mesmo están incluídos os programas específicos de formación profesional para zonas e colectivos que presentan alta taxa de abandono coa formación necesaria para obter unha cualificación profesional de nivel un do Catálogo Nacional das Cualificacións Profesionais, e que poderán incorporar módulos apropiados para a adaptación ás necesidades específicas do colectivo beneficiario que facilite a reincorporación ao sistema educativo e a súa progresión dentro do mesmo.

 

También te puede interesar