Galicia

A CIG denuncia o aumento masivo de contratacións vía ETTs na automoción viguesa

Delegados sindicais e membros da Coordenadora da Automoción da CIG realizaron este venres 26 de xullo unha concentración e reparto informativo diante da empresa Denso, no polígono de Valadares  para alertaren do medre inxustificado das contratacións vía ETT nas empresas que forman parte de CEAGA  – Clúster de Empresas da Automoción de Galicia -.

Henrique Pérez, secretario nacional da automoción na CIG-Metal recorda que estes contratos conlevan unha maior precarización dos postos de traballo, “con salarios menores e condicións contractuais por baixo do resto de persoal”.

No que respeita ao caso concreto de Denso, alerta de que “se están a superar os cupos marcados pola propia empresa”, “chegando a un 40% de contratacións vía ETT na quenda de día e a un 90% na de noite”, o que da boa idea da gravidade da situación. Todo isto, acrescenta, “sen que existan condicións extraordinarias ou aumentos na produción que o xustifiquen” nunha empresa “caracterizada polos seus reiterados incumprimentos en materia laboral”.

Ademais da denuncia do aumento crítico da temporalidade e precarización, desde a CIG insístese na necesidade de por fin ás “continuas irregularidades nas contratacións, prevención e saúde laboral”, feitos denunciados continuamente polas diferentes seccións sindicais da CIG neste ramo. Neste sentido, o pasado 17 de xuño representantes sindicais da CIG de Denso, Faurecia GKN, Alimosa, Ensa e PSA mantiñan un encontro con Inspección de Traballo para informar desta situación, sen que polo momento as diferentes empresas modificaran os seus comportamentos.

 

También te puede interesar