Vigo al minuto

Feijóo visita en Navia o centro da Asociación de Personas con Parálise cerebral

Feijóo en Navia, este luns/Tresyuno Comunicación

Nunha visita, este luns, ao novo centro integral de Navia da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP), o presidente do goberno galego asegurou que “a integración das persoas con discapacidade é un dos principios reitores das políticas sociais” que leva a cabo o seu Executivo.

O centro no que se presta asistencia a 32 usuarios, dos cales 22 ocuparán prazas concertadas coa Xunta, verase completado o vindeiro ano cun centro de día con capacidade de atención para 60 persoas con parálise cerebral e gran dependencia e cun centro de tratamentos que prestará servizo a outros tantos usuarios.

Feijóo subliñou que proba do traballo da Xunta é a aprobación, xa en 2010, do primeiro Plan de Acción Integral para as persoas con discapacidade, o primeiro destas características que se activaba en Galicia e que “se centra na ampliación e mellora dos servizos públicos; na aposta polo emprego e no compromiso cunha accesibilidade universal”.

O presidente insistiu que trátase dun plan aínda en marcha este ano,  pero que arroxa xa un balance positivo, pois ten executado o 90% das liñas que o conforman, dando cumprimento a 264 medidas das 305 recollidas na estratexia. “Nesa aposta enmárcase o incremento continuo das prazas públicas para persoas con discapacidade, que aumentaron nun 14,5% nos últimos catro anos, coa creación de 631 novas prazas.”, indicou Feijóo.

Ademáis, adiantou, a Xunta levará ao Parlamento, este mesmo ano, unha nova Lei de Accesibilidade, e tamén en 2013 creará a Rede autonómica de atención temperá que conxuga a tripla perspectiva sanitaria, educativa e de servizos sociais. “Trátase dunha rede que permitirá definir o espazo de competencias de cada sistema e establecer un modelo de coordinación que redunde nunha mellor atención”, concluiu.

 

También te puede interesar