RGPD - Cookies
Galicia

O 061 advirte da necesidade de aumentar as precaucións no verán para evitar lesións medulares

O 061 ven de facer unha serie de recomendacións á cidadanía co fin de mellorar a calidade de vida das galegas e galegos tamén no período estival. As vacacións e o bo tempo fan que a poboación aumente a práctica de actividades ao aire libre e os desprazamentos polas estradas, o que incrementa os riscos de sufrir lesións tipicamente estivais causadas por accidentes de tráfico, caídas a distinto nivel e mergullos en augas pouco profundas, así como lesións producidas por unha exposición prolongada ao sol.

Os accidentes de tráfico – atropelos, colisións entre vehículos e accidentes de motocicleta – son a causa do 50% das lesións medulares, mentres o 50% restante se debe a accidentes laborais e deportivos como precipitacións desde certa altura, mergullos en augas pouco profundas e caídas de bicicleta ou cabalo, principalmente. Nos últimos anos estase a observar un incremento de lesións causadas por imprudencias á hora de lanzarse a auga en zona de baño.

Se vas a pasear en bicicleta ou a cabalo deberá protexer a súa testa cos cascos axeitados. Evita facer descensos ou saltos por zonas que descoñeces, así como manobras que requiran dificultade técnica nos casos que non dispoñamos de adestramento previo ou  habilidade suficiente para realizar as mesmas.

No caso de caídas a distinto nivel, lembra que a gravidade das lesións aumenta cando a altura é tres veces superior á estatura da vítima; polo que, no caso dos nenos, caídas de alturas non moi elevadas poden ter graves consecuencias.

Os saltos á auga en zonas pouco profundas, tanto no mar como na piscina, son unha das causas máis frecuentes de lesión medular grave. Lembra que non debes tirarte de cabeza en sitios que non coñeces e no caso de que te atopes na praia deberás ter en conta o estado das mareas. Hai que coñecer perfectamente o lugar para tirarse de cabeza e, de non ser así, medilo previamente tirándose de pe, e comprobando que existen tres ou máis metros de auga na zona.

Igualmente deben respectarse os sinais de perigosidade do mar. Urxencias Sanitarias lembra que a bandeira vermella indica perigo e prohibición de baño, a laranxa moita precaución e a verde que o mar está en calma.

Asemade, hai que entrar pouco a pouco na auga, sobre todo despois de tomar o sol. Evita lanzarte de forma súbita e procura ir acostumando o corpo á temperatura da auga, remollándose progresivamente por partes. Garda un tempo prudencial dunha ou dúas horas antes de bañarte despois da comida, especialmente si esta foi copiosa. É importante non internarse no mar aínda que saiba nadar correctamente, sempre poden xurdir imprevistos.

En canto a exposición prolongada ao sol, o 061 aconsella que se tome o mesmo dun xeito progresivo nos primeiros días, extremando sempre a precaución entre as 12 e as 16 horas con cremas de protección solar adecuada a túa pel, para evitar queimaduras. É importante beber líquidos para manternos hidratados, así como protexer a cabeza para reducir as posibilidade de sufrir una insolación.

Salientar, tamén, que en caso de ser testemuña dunha situación de emerxencia sanitaria chama ao 061 e facilita a información sobre o número de vítimas, o tipo de lesións e a localización dos feridos. Recorda indicar o teu número de teléfono por se fose necesario que rechamaran para localizar con exactitude o lugar no que te encontras. Inmediatamente, e mentres estás falando co persoal do 061, poranse en marcha os recursos necesarios para a asistencia sanitaria. Ao mesmo tempo, un médico coordinador darache instrucións de como actuar ata que a ambulancia ou o helicóptero chegue.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 é un servizo que funciona as 24 horas, os 365 días do ano e que moitas vidas se poden salvar se son tratadas dun modo axeitado.

 

También te puede interesar