Galicia

Preto do 60% das familias galegas chega con dificultades a finais de mes

Un 57,7% das familias galegas declarou chegar con dificultade ou moita dificultade co fin de mes no segundo trimestre do ano, un dato que supera en case cinco puntos o que se rexistraba no mesmo período de 2012 – o 52,75% – dacordo cos datos difundidos este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Un 13,05% dos fogares teñen moitas dificultades, fronte ao 17,83% que o facía nos tres primeiros meses do ano. O 44,64% din ter dificultades, unha cifra que rebaixa a do trimestre anterior, que era do 46,05%, aínda que empeora a de hai un ano 41,09%. En canto ás familias que din chegar sen problemas a fin de mes, son o 42,31%, fronte ao 36,12% que o manifestaba no trimestre anterior.

Os resultados da enquisa amosan que só o 7,49% dos fogares permitíronse no segundo trimestre facer unha viaxe ou pagarse unhas vacacións, mentres unicamente o 54,1% puido saír a cafetarías ou restaurantes. A maior parte das familias manifestaron que non podían facer fronte a gastos imprevistos ou grandes compras  – o 88,64% -, ou a extras en alimentación e vestido – 78,18% e o 91,29%, respectivamente -. Unicamente puido aforrar algo de diñeiro o 31,79%.

Así, o 33,92% das familias galegas dixeron non se permitir ningún extra nos últimos tres meses. Ademais, o 32,17% manifestou que cambiou hábitos para aforrar, como comprar marcas brancas; o 31,88% dixo reducir gastos noutros ámbitos.

No 2,96% dos casos algún dos membros da familia tívose que poñer a traballar ou aumentar o horario; no 9,86% recibiron axuda económica de familiares ou amigos e no 2,69% tomaron medidas financeiras. Así mesmo, un 6,1% dos fogares admitiu que se atrasou no pagamento dalgún dos recibos de obrigado cumprimento nos últimos tres meses.

 

También te puede interesar