Galicia

O Plan de Aparcadoiros disuasorios da Xunta, con 16.500 prazas en toda Galicia, da o seu primeiro paso

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, vén de aprobar a memoria ambiental do Plan Sectorial de aparcadoiros disuasorios para os ámbitos metropolitanos da Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense, que en total, sumarán 64 emprazamentos e case 16.500 prazas, cos que se pretenden eliminar máis de 5 millóns de vehículos ao ano das cidades galegas.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental vén de emitir a resolución pola que se aproba a memoria ambiental deste plan sectorial, na que se conclúe que é ambientalmente viable. Coa aprobación e publicación da memoria ambiental, que conclúe o procedemento de avaliación ambiental estratéxica, dáse un importante paso adiante na tramitación deste plan, que deberá ser informado pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para, posteriormente ser aprobado definitivamente no Consello da Xunta.

Os aparcadoiros disuasorios son áreas para estacionamento de coches situadas no perímetro das cidades, nas que se realiza a intermodalidade entre o vehículo privado e un modo de transporte público colectivo (principalmente o autobús, pero tamén outros como o tren) ou ben o coche pero na súa modalidade de viaxe compartida ou car-pooling (práctica de compartir por quendas o uso dun automóbil por dous ou máis persoas, xeralmente para viaxar xuntos ao traballo, centro educativo, etc).

Calcúlase que o Plan de Aparcadoiros Disuasorios, unha vez en marcha, aforrará cada ano aos usuarios preto de 100 millóns de quilómetros de desprazamentos, máis de 6 millóns de litros de combustible e 9,5 millóns de euros, ademais de supoñer 17.800 toneladas menos de CO2 emitidas á atmosfera. Esta iniciativa, na se investirán arredor de 12,6 millóns de euros, beneficiará a arredor de 1,5 millóns de persoas residentes nas áreas metropolitanas.

O traballo realizado pola Dirección Xeral de Mobilidade supuxo analizar un total de 103 emprazamentos dos que se seleccionaron 64 cunha capacidade máxima de 16.415 prazas repartidas en 15 concellos do ámbito do Plan. Os criterios de selección utilizados foron, fundamentalmente, a súa proximidade á oferta de transporte público e o fácil acceso á rede viaria interurbana.

Estes aparcadoiros desenvolveranse en tres fases a través dos correspondentes proxectos sectoriais. Así, nunha primeira, implantaranse 26 aparcadoiros con 4.705 prazas de intercambio modal e 1.575 prazas de car-pool. Na segunda fase incorporaranse 25 aparcadoiros cos que se chega ás 13.835 prazas e nunha terceira fase promóvense 13 aparcadoiros máis, chegando ás 16.415 prazas totais.

En canto á localización elixida para implantar os aparcadoiros de disuasión, optouse por aparcadoiros existentes ou por aqueles espazos que requiren un mínimo investimento inicial; dándose prioridade a aqueles espazos consolidados e de escasa utilización, como poden ser os centros deportivos, ou aqueles outros que na actualidade xa se están a utilizarse para intercambio modal aínda que sexa de forma non regulada.

As actuacións formuladas no plan para potenciar o uso dos aparcadoiros disuasorios consistirán, entre outras, na posta en marcha dunha sinalización común para todos de xeito que os cidadáns os identifiquen claramente nos accesos ás cidades. Ademais, acordarase cos concellos as modificacións necesarias na oferta de transporte para conectalo adecuadamente coas áreas de intercambio modal, e poranse en marcha vantaxes como unha tarificación conxunta para o intercambio entre o vehículo privado e o transporte público.

Tras ser declarado de incidencia supramunicipal polo Consello da Xunta, en xullo do pasado ano iniciouse a fase de información pública e de consultas ambientais, para que durante dous meses os cidadáns, administracións e entidades puidesen presentar alegacións ás propostas de aparcadoiros disuasorios; este proceso culminouse con outro período de un mes máis de exposición pública en abril deste ano. Como resultado das consultas recibíronse un total de 27 informes de resposta de organismos oficiais e unha alegación dun particular.

 

También te puede interesar