Galicia

Recomendacións do 061 por San Xoán: ollo coas fogueiras e non conducir logo de beber

O 061 recomenda un ano máis ter precaución ante o alcohol, a condución e o lume das fogueiras para evitar incidentes durante a celebración mañá da noite de San Xoán.

Cada ano nesta celebración, os accidentes de tráfico, as queimaduras e as intoxicacións etílicas constitúen a causa principal das chamadas de demanda de asistencia sanitaria á Central de Coordinación do 061. As tradicionais fogueiras desta festa supoñen ademais un compoñente de perigosidade tanto polo lume como polo fume producido nas mesmas. É por isto que, con motivo desta festividade e como vén sendo habitual, os medios humanos da Central de Coordinación do 061 se reforzan para dar resposta á demanda sanitaria.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 considera imprescindible transmitir unha serie de consellos de prevención á cidadanía na celebración da noite de San Xoán. En primeiro lugar é importante elixir o sitio onde facer as cacharelas. Non debe ser en lugares pechados, evitando a proximidade de cables de alta tensión, e sempre vixiando a altura e a distancia do lume a estes.

Para prender as fogueiras non deben utilizarse líquidos inflamables, e non se debe arroxar ao lume envases herméticos, sprays, pilas, nin manipular petardos cerca do mesmo. É recomendable ter sempre a man extintores ou auga por se fora necesario. Unha vez prendido o lume ten que evitarse que os nenos se acheguen as fogueiras, ao tempo que extremar as precaucións se se achegan ao lume.

O 061 de Galicia lembra que se fai vento, hai que situarse de costas á dirección deste, evitando que as chamas e o fume se dirixan cara a vostede, para non sufrir as lesións causadas polo lume e por inhalación de fumes, especialmente se se padece dalgunha patoloxía respiratoria. Lembrar que o alcohol e as drogas en moitas ocasións están detrás deste incidentes.

Á hora de saltar as cacharelas débense evitar as pezas de roupa sintéticas, utilizando preferiblemente o algodón. No caso de que a súa roupa prenda lume, non corra. Só conseguirá avivar as lapas e dificultar que a apaguen. Tírese ao chan e revólquese ou quede quedo mentres as apagan.

Se algunha persoa sofre algún tipo de queimaduras, é importante alertar ao 061 inmediatamente. Mentres chega a axuda, o médico da Central de Coordinación daralle os consellos necesarios. Como norma xeral, e útil lavar con abundante auga a zona afectada se a queimadura é de pouca extensión. No caso de que sexa extensa, non utilice auga fría por risco de hipotermia.

Tamén é importante non realizar desprazamentos en automóbil si se consumiu alcohol ou drogas, xa que o consumo destes pode propiciar somnolencia e falta de reflexos, condicións que favorecen os accidentes de tráfico.

San Xoán 2012

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 atendeu na noite de San Xoán de 2012, 60 intoxicacións, 10 accidentes de tráfico e 6 queimaduras provocadas polas fogueiras. O período contabilizado é desde as 19,00 horas do sábado 23 de xuño ata as 7,00 horas do domingo 24 de xuño. O 061 asistiu, ademais, 34 persoas por alteracións da consciencia, caídas e mareos e lesións producidas no entorno das cacharelas.

Os profesionais sanitarios do 061 de Galicia atenderon 60 intoxicacións etílicas, 10 accidentes de tráfico con 11 persoas implicadas e seis incidentes por queimaduras.

A Coruña e Pontevedra, con 24 intoxicacións etílicas ou por drogas cada unha, foron as provincias que rexistraron o maior número de atencións, seguidas de Lugo con 10 e Ourense con dúas. As idades rexistradas nestes casos alcanza o pico de atención entre os 15 e os 34 anos, que supoñen o 56% das persoas atendidas por esta patoloxía. Para asistir ás 60 intoxicacións, o 061 de Galicia desprazou a ambulancia medicalizada para asistir en dous casos, mobilizou en 39 ocasións as ambulancias asistenciais, en oito ocasións mobilizáronse ambulancias convencionais, e nunha ocasión o médico de atención primaria. Das 60 persoas atendidas, 25 non requiriron traslado, 11 foron trasladados ao centro de saúde e 24 ao hospital.

As queimaduras atendidas polo 061 en toda a comunidade galega foron 6. Urxencias Sanitarias asistiu na Coruña cinco casos e un en Vigo. As idades das persoas afectadas sitúanse entre 10 e 30 anos, sendo todos eles varóns. Do total dos pacientes, todos requiriron ser trasladados, catro deles a un centro hospitalario e dous ao centro de saúde.

No caso dos accidentes de tráfico, asistíronse 11 persoas en 10 accidentes de tráfico. Pontevedra rexistrou catro accidentes, seguida da Coruña e Ourense con tres cada unha delas. As idades das persoas atendidas polo 061 abranguen dende os 20 ata os 69 anos.

 

También te puede interesar