Galicia

Curso de formación 60 persoas en prevención de riscos laborais no sector pesqueiro en Sada e Vigo

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA),  dependente da Consellería de Traballo, está a formar no mes de xuño a un total de 60 persoas en prevención de riscos laborais no sector pesqueiro. Os catro cursos teñen un enfoque eminentemente práctico e realízanse a bordo de buques de pesca nos portos de Sada e Vigo.

O obxectivo destas actividades é proporcionar formación específica aos traballadores do sector, co fin de que obteñan habilidades nesta materia e diminuír os accidentes laborais. Para conseguilo, céntranse en explicar os riscos e medidas preventivas que se deben adoptar naquelas tarefas que máis frecuentemente son causa de accidente laboral.

No curso inclúense diversos contidos. Entre eles, realízase unha volta completa polo barco visitando as diferentes zonas cubertas e descubertas, comentando os riscos de cada unha delas. Os participantes poranse os equipos de protección individual e avaliarán a súa operatividade e participarán nunha mostra da sinalización OMI (Organismos Marítimo Internacional a bordo).

Ademais, recoñecerán os medios de extinción contra incendios que teña o buque, así como as potenciais vías de auga e formas de realizar diferentes sistemas de taponamento para cortalas ou minoralas. Cada tripulante colocarase o chaleco salvavidas, comprobando se está en condicións de uso e totalmente equipado.

No curso inclúese a realización do abandono dun buque cun arriado manual da balsa a bordo. Tamén se realizará a secuencia completa de previa ao abandono da embarcación: chamada de socorro por radio, utilización de compoñentes de localización radioeléctricos, radiobalizas, SART e pirotécnicos...

Ao mesmo tempo, tamén se promoverán hábitos de inspección interna e a importancia de manter a orde e limpeza nos lugares de traballo. Para todo isto, contouse coa colaboración do Instituto Politécnico Marítimo de Vigo e da Escola Oficial Náutico Pesqueira e Ferrol.

Fichas de prevención

Cabe lembrar que o ISSGA tamén elaborou o documento “Lembra” para o sector pesqueiro, que consiste nunha recompilación de 21 fichas sobre a prevención de riscos laborais nesta actividade, que abrangue consellos desde o embarque ata a chegada a porto.

A colección explica os procedementos que se deben seguir en tarefas como a colocación do chaleco, as precaucións que se deben adoptar no cuberta do barco, e unha síntese dos riscos no uso dos equipos de traballo máis habituais.

Noutras fichas preséntanse os símbolos e indicacións que sinalan as vías de salvamento e de loita contra incendios, a situación dos equipos de traballo, ou a obriga de empregar determinados recursos de protección individual e colectiva.

Tamén recollen os puntos clave para os casos de emerxencia, como os procedementos de seguridade e protocolos de actuación do Sistema mundial de Socorro e Seguridade Marítima (GMDSS), que están deseñados para aumentar a seguridade e facilitar a navegación e o rescate de embarcacións en perigo. A colección inclúe tamén indicacións claras de actuación de primeiros auxilios e a lexislación principal nesta materia.

Este material divulgativo está en formato pdf libre de descarga desde a páxina web do ISSGA. Editouse tamén en papel, e preséntase ademais en formato póster, para colocar en lugares estratéxicos para recordar e ter presente os riscos e as medidas preventivas principais nos contornos de traballo.

 

También te puede interesar